Mosquera advirte de que o novo proxecto dos edificios centrais do Museo duplica a superficie prevista de soto

Pontevedra
28 de xuño 2024

O voceiro do BNG critica que o PP suba agora o orzamento da rehabilitación a 12 millóns de euros tras cualificar de "despropósito" gastar 8 millóns

Pleno da Deputación de Pontevedra
Pleno da Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

O voceiro do BNG na Deputación, César Mosquera, pediu este venres ao goberno provincial aclaracións sobre o novo proxecto de rehabilitación dos edificios centrais do Museo. 

Nunha pregunta dirixida ao goberno da Deputación na parte final do Pleno deste venres, o nacionalista solicitou información sobre se o novo soto que conectará os edificios Castro Monteagudo e García Flórez vai ter 500 metros cadrados e se o custe das obras será de 12 millóns de euros, tal como anunciou publicamente o vicepresidente Rafael Domínguez. 

Mosquera quixo certificar a veracidade dos datos sobre a dimensión da conexión soterrada e o custe, toda vez que dende o PP provincial e local se verteran "críticas feroces" sobre o deseño previo, aprobado polo goberno anterior en maio de 2023 co fin de cumprir os prazos para salvar a subvención de tres millóns de euros do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos –PIREP- no marco dos fondos do Next Generation.

O nacionalista lembrou que a proposta aprobada entón propoñía un soto de conexión dunha superficie construída de 256 metros cadrados, onde se ubicarían unicamente os cuartos de servizo, aseos, espazos de limpeza e auxiliares. O orzamento para a licitación ascendía 7.937.947,03 euros, e o deseño xa incluía o encalado exterior segundo as indicacións de Patrimonio, salvaba os problemas de accesibilidade, e mantiña o forxado de madeira, ao tempo que permitía unha musealización coherente e poñía en valor os propios edificios. 

Ante este proxecto, Mosquera subliñou que "o propio Rafael Domínguez e a deputada provincial Pepa Pardo afirmaran de maneira vehemente e reiterada que non compartían a idea da conexión soterrada", xa que a consideraban un "disparate" e un megaproxecto "desproporcionado", apostando por buscar outras alternativas e un novo deseño "menos faraónico e agresivo coa contorna" ademais de menos custoso. De feito, engade Mosquera que "ambos representantes do PP atacaran con dureza o que consideraban un alto prezo para as obras" (8 millóns de euros), tachándoas de "disparate orzamentario".

Para o voceiro nacionalista, de confirmarse o novo orzamento e as características do deseño presentado este xoves polo vicepresidente Domínguez, "prodúcese un novo xiro de guión e unha emenda ás súas ideas anteriores", xa que "non só se mantén a conexión soterrada entre ambos edificios -que o goberno anterior sempre defendera como única solución posible para seguir dando uso museístico aos inmobles-, senón que a interconexión mediante o subsolo duplica a súa superficie, pasando dos 256 metros aos 500 metros cadrados". 

Salienta o voceiro nacionalista que para levar adiante a modificación, o actual goberno provincial deixou pasar "un ano enteiro" con respecto á aprobación do proxecto anterior, "poñendo en risco a subvención do PIREP", de tres millóns de euros, que obriga a que as obras estean finalizadas en 2026. Subliñou que os prazos seguirán contando, xa que aínda non hai visto bo de Patrimonio e falta unha valoración definitiva do custe. 

Neste sentido, destacou que resulta "chamativo" que o PP antes cualificara de dispendio gastar 8 millóns de euros, "mentes agora parece axustado gastar catro millóns de euros máis e chegar aos doce".