O pai Gonzalo, responsable durante os últimos anos do comedor social de San Francisco, faleceu a pasada medianoite aos 89 anos de idade.
Gonzalo Diéguez Méndez era natural da localidade de Ventosa no municipio de Agolada. Estudou Filosofía e Teoloxía en Santiago e viviu uns anos en Roma, antes de trasladarse a Salamanca. Chegou ao convento de San Francisco en 2007 responsabilizándose do Comedor social.
A finais de 2022 deixou esta responsabilidade en mans do seu compañeiro Umberto González, frei Tito, tamén relixioso da orde franciscana. Con todo o pai Gonzalo non deixou de acudir á cociña para botar unha man. Na última conversa que mantivo con PontevedraViva dicía "los religiosos nos jubilamos cuando vamos a San Mauro, nada más".
O funeral celebrarase o venres na igrexa conventual de San Francisco e despois será o enterro no panteón da congregación no cemiterio de San Mauro.
O pai Gonzalo é unha institución na cidade do Lérez polo seu labor incansable á fronte desta cociña benéfica. Será velado no convento e a súa capela ardente estará aberta ao público.