Faleceu no Hospital Clínico de Santiago de Compostela a nena de tres anos de idade ferida grave nun accidente de tráfico na estrada PO-307, nas inmediacións do Terrón, en Vilanova de Arousa. Fontes oficiais confirmaron a morte da pequena ás 5:14 horas desta madrugada.
A menor sufrira un forte golpe coa cabeza contra a pantalla dunha tablet que ía vendo, segundo a información facilitada pola Garda Civil.
A nena viaxaba nun vehículo xunto á súa nai e ía sentada nunha cadeira co sistema isofix e os arneses correctamente abrochados.
Segundo informou o instituto armado, a nai sufriu un deslumbramiento e non reduciu a velocidade do Audi Q3 que conducía chocando de forma moi violenta coa parte traseira dun autobús escolar que minorara a súa velocidade ao ver o accidente previo.
A nai ten 26 anos e é natural de Vilanova de Arousa. Tamén resultou ferida grave e tivo que ser trasladada en ambulancia ao Hospital do Salnés.
No autobús escolar ían no momento do accidente 14 nenos do colexio Salesianos de Cambados, dos que un resultou ferido leve e tivo que ser trasladado ao Hospital do Salnés. O resto resultaron ilesos.