"As cifras causarían vergoña a calquera responsable público, aínda que aquí Fernández Lores segue ao seu, ás beirarrúas, ás multas de tráfico, aos soldos dos concelleiros do equipo de goberno e ás festas", di o voceiro do grupo municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira que considera "arrepiantes" os datos de 10.800 desempregados e da suba de sete puntos na taxa de paro na cidade de Pontevedra desde hai un ano, segundo recolle a Enquisa de Poboación Activa.
Nun comunicado emitido polo PP salientan que o máis "desconcertante e deprimente é o deixamento" do goberno local para enfrontarse a este gravísimo problema".
O voceiro municipal do Partido Popular cre indispensable que o concello reformule de xeito inmediato a súa estratexia neste terreo, "se é que realmente existiu algunha vez unha estratexia, e deixe de mirar cara a outro lado co seu discurso hipócrita sobre os males do capitalismo mundial e da especulación financeira".
No seu escrito o PP local sinala que "Pontevedra leva moito tempo destacando negativamente en Galicia na evolución do desemprego, que desde que chegou Miguel Anxo Fernández Lores á Alcaldía aumentou o triplo (en setembro de 1999 había 3.585 parados), que no último ano creceu moi por enriba do resto de cidades galegas en termos relativos e que mantén unha taxa de paro do 27,5%, só superada por Ferrol".
"A realidade é que xa non sei como pedirlle a Lores que faga algo para frear o paro, que deixe de facer como que a cousa non vai con el mentres Pontevedra amosa a peor evolución entre as cidades galegas e mantense moi lonxe do camiño da recuperación que xa iniciaron algunhas destas urbes", concluíu Moreira.