O deputado do Partido Popular no Parlamento de Galicia, Jacobo Moreira, tachou de "políticos irresponsables" e "titiriteros" aos grupos da oposición por pedir o traslado de Ence.
Sucedeu este venres na comisión de Agricultura da Cámara galega, na que se abordaba unha iniciativa de AGE, apoiada polo resto da oposición, para instar á Xunta a reclamar ao Goberno a anulación da prórroga da concesión a Ence para permanecer na ría de Pontevedra ata 2073.
O portavoz do PP e concelleiro pontevedrés, Jacobo Moreira, tras empregar o cualificativo de "titiriteros" para referirse aos grupos da oposición foi amoestado polo presidente da comisión, Vidal Martínez-Sierra, que lle pediu que retirase esta expresión, ao cal accedeu o parlamentario.
Previamente, Antón Sánchez (AGE), lamentara a "papeleta enorme" que teñen que facer os populares sobre esta cuestión e preguntou á Xunta se foron "monicreques" ou "cómplices" do Goberno central na concesión da prórroga.
No debate, o deputado do PSdeG, Pablo García, criticou que un Goberno en funcións tome unha decisión "tremendamente prexudicial" tras unhas eleccións xerais, o que "é suficientemente significativo" e "moi sospeitoso".
Unha visión na que coincidiu Tareixa Paz (BNG), xa que lamenta que "un goberno en funcións hipoteca futuras decisións de futuros gobernos", en favor do "impacto ambiental e económico" de Ence na ría de Pontevedra.