Moreira, aos traballadores de Elnosa: "O seu futuro depende do BNG, non do PP como queren facer crer"

Pontevedra
04 de setembro 2015

No Partido Popular non sentaron demasiado ben as declaracións realizadas este xoves polo comité de empresa de Elnosa, nas que aseguraban que a solución ao futuro da cloreira a teñen os populares. Jacobo Moreira rexeita ese extremo e recórdalle aos traballadores que é o Concello de Pontevedra o que "debe decidir" o futuro da fábrica de Lourizán

Xuntanza de Ethel Vázquez cos traballadores de Elnosa
Xuntanza de Ethel Vázquez cos traballadores de Elnosa / Xunta de Galicia

No Partido Popular non sentaron demasiado ben as declaracións realizadas este xoves polo comité de empresa de Elnosa, nas que aseguraban que a solución ao futuro da cloreira a teñen os populares. Jacobo Moreira rexeita ese extremo e recórdalle aos traballadores que é o Concello de Pontevedra o que "debe decidir" o futuro da fábrica de Lourizán.

Nun comunicado, o voceiro do PP en Pontevedra reitera que o que aconteza con Elnosa "depende dos nacionalistas, non do Partido Popular", xa que asegura que a licenza necesaria para a súa continuidade, unha vez cambien a súa tecnoloxía, deberá ser outorgada ou denegada polo goberno municipal.

O comité de empresa está "moi equivado", sinala Moreira, que insta os traballadores a "xestionar" o futuro de Elnosa co concello pontevedrés.

"Como ben saben os traballadores de Elnosa, o partido que gañou as eleccións o pasado 24 de maio foi o BNG. Son eles os que gobernan Pontevedra, polo que é aos nacionalistas aos que lles corresponde decidir o futuro da cloreira. A solución para estes traballadores está nas mans do BNG, e non nas do Partido Popular como queren facer crer", concluíu o voceiro do PP.