O Concello de Moraña instalará 19 cámaras de videovixilancia nos polígonos industriais de Afieiras e Mirallos co obxectivo de reforzar a seguridade e coutar os roubos que se teñen producido nos últimos tempos nestes espazos.
De feito, o Concello xa está inmerso no proceso de contratación deste sistema, que vai contar cun investimento superior aos 54.000 euros e que conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia, que aportará máis de 42.000 euros.
O alcalde, Sito Gómez, anunciou que este dobre sistema de control e vixilancia entrará en funcionamento o ano que vén.
O rexedor considera que esta medida é "máis que necesaria" para seguir mellorando as condicións dos dous parques, que se beneficiaron de diversos investimentos nos últimos anos, e para transmitir confianza e seguridade ás empresas e aos traballadores.
"Nos últimos tempos detectáronse cada vez máis roubos de materiais e combustible e incluso no depósito de verteduras porque se trata de dous espazos alonxados do casco urbano que carecen de tránsito fóra do horario laboral. Por elo, e dado que aí tamén temos unha nave municipal con moita maquinaria e material, é preciso reforzar a seguridade dos nosos dous polígonos, que ademais tamén é unha demanda dos empresarios", detallou o rexedor local.
A actuación vai consistir na colocación de nove cámaras de videovixilancia en Mirallos e outras dez en Mirallos que funcionarán a través dun circuito pechado de televisión e que disporá dun sistema de control das imaxes na casa consistorial.
Ditas cámaras serán de tipoloxía diversa, xa que, aínda que maioritariamente están orientadas á identificación de vehículos e persoas, tamén haberá algunhas cuxa función será exclusivamente a lectura de matrículas e unha xiratoria de formato Domo que permitirá controlar toda a contorna empresarial.
A actuación completarase coa colocación de potentes sistemas de alumeado, aproveitando as canalizacións existentes, para favorecer a operatividade destas cámaras.