Moraña únese á moda da compostaxe doméstica impulsada por Sogama

Umia
20 de marzo 2017

Moraña adscríbese, xunto con Moaña e Nigrán, á lista de concellos da provincia de Pontevedra que se unen á iniciativa de compostaxe doméstica impulsada por Sogama (Sociedade Galega do Medio Ambiente)

Programa de compostaxe da Deputación Pontevedra
Programa de compostaxe da Deputación Pontevedra / Deputación de Pontevedra

Xunto con Moaña e Nigrán, Moraña decidiu sumarse á longa lista de entidades pontevedresas que implantaron o programa da compostaxe doméstica promovido e liderado porSogama (Sociedade Galega do Medio Ambiente) co obxectivo de propiciar o reciclado da materia orgánica en orixe, ascendendo a máis de 2.250 os composteiros repartidos na provincia, segundo datos aportados pola entidade.

As tres localidades comezarán con 80 fogares, 25 en Moraña, a fin de ir ensaiando a técnica e facer unha avaliación do grao de acollida da experiencia. O requisito imprescindible é que as familias participantes habiten en vivendas unifamiliares que dispoñan de horta ou xardín nos que aplicar o compost resultante.

O persoal dos concellos será o encargado de visitar cada unha das casas para comprobar a correcta realización do traballo por parte das familias, corrixir posibles erros, resolver dúbidas e proporcionar o oportuno asesoramento de cara a propiciar que o abono final cumpra con todos os requisitos de calidade.

Un dos beneficios que traerá a compostaxe é reducir a cantidade de residuos, o que permitirá a disminución da frecuencia de recollida e transporte por parte dos servizos municipais, así como do importe da factura a pagar a Sogama. Ademais con esta práctica recupérase, segundo a entidade galega, unha práctica tradicional en Galicia como é a separación da materia orgánica para alimento do gando ou elaboración de compost. 

OUTROS CONCELLOS

Pola súa banda, Sanxenxo e Meis amplían, tamén da man de Sogama, o seu programa de autocompostaxe a 50 novas vivendas, facendo un total de 121 os fogares das dúas localidades que participan no proxecto.