Moraña repartirá 1.700 euros en premios no Entroido

Umia
22 de febreiro 2019

O desfile do Entroido en Moraña comezará o domingo 3 de marzo cun desfile e finalizará o Mércores de Cinza cunha festa infantil de disfraces amenizada polo DJ  Javi Solla

Gran desfile do Entroido en Sanxenxo
Gran desfile do Entroido en Sanxenxo

O Concello de Moraña presentou o programa de actividades do Entroido 2019 no que inclúe o tradicional desfile de disfraces polas rúas do núcleo urbano de Santa Lucía, un concurso no que se repartirán máis de 1.700 euros en premios e unha festa infantil.

O pasacalles celebrarase o domingo 3 de marzo a partir das 17.00 horas e estará amenizado pola Banda de Música Nova Lira de Moraña. O certame de disfraces repartirá un total de 13 premios repartidos en tres galardóns dentro de cada categoría. Desta maneira, como premio ao disfraz individual daranse 80, 55 e 40 euros, respectivamente; ás parellas 110, 80 e 55 euros; aos grupos 180, 125 e 100 euros; e ás comparsas 300, 276 e 225 euros. A maiores inclúese un premio especial de 100 euros para destacar o disfraz máis divertido de entre todas as categorías e ás comparsas compostas por 15 ou máis membros do Concello de Moraña, recibirán unha axuda de 150 euros pola participación.

O evento central terminará cunha degustación gratuíta de orellas para todos os asistentes por invitación do Concello.

Para despedir o Entroido, o Mércores de Cinza celebrarase unha festa infantil de disfraces no pavillón municipal desde as 17:00 horas e coa animación musical a cargo do DJ Javi Solla.

A inscrición para os participantes do desfile e do concurso deberase formalizar o mesmo día do desfile antes das 16:45 horas. Pola súa banda, as comparsas teñen ata o xoves 28 de febreiro ás 21:00 para inscribirse na Biblioteca Municipal, ou a través do teléfono 986 552 809 presentando a relación completa de todos os seus compoñentes.

Arquivado en