O Concello de Moraña renova o seu compromiso cos servizos sociais coa prórroga para o centro de dia da Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista de Centros de Apoio Familiar (Apacaf) e un investimento de récord para o servizo de axuda no fogar (SAF).
O alcalde, Sito Gómez, anunciou a aprobación dunha nova prórroga da cesión da antiga escola da Penagrande a prol de Apacaf para que manteña neste espazo o seu centro de día.
Cederán durante 20 anos de forma gratuíta un inmoble de 220 metros nunha parcela de preto de 1.000, para que a entidade poida seguir desenvolvendo o seu centro de día para persoas con TEA e outras patoloxías e tamén para que poida optar a recibir axudas da Xunta de Galicia.
Este centro, convertido nunha referenza nesta materia no norte da provincia, ten abertas as súas portas desde o ano 2007 e atende na actualidade a seis persoas de luns a venres entre as 10.00 e as 18.00 horas.
Sito Gómez destaca que Apacaf "fai un traballo incrible para a inclusión e integración social das persoas con TEA ou con outros trastornos e queremos que sigan moitos anos máis en Moraña porque son un orgullo e porque a súa filosofía é a mesma que a deste goberno local, que consiste en axudar, sobre todo, aos máis vulnerables".
O pleno da corporación tamén aprobou destinar un investimento récord de 639.070 euros para o SAF.
Así, aprobouse solicitar unha dobre axuda á Consellería de Política Social por un importe global de 422.154 euros destinada ao financiamento do servizo e que o Concello achegue outros 157.000 euros.
O alcalde sinala que estas iniciativas son "fundamentais" para o goberno local porque "melloran a calidade de vida dos veciños que máis o necesitan" e, xunto con outras accións como a unidade de alzhéimer do centro de Alende ou as amplas medidas de conciliación, "sérvennos para seguir mantendo a Moraña como unha referenza en materia de servizos sociais".