Lograr a implicación de toda a sociedade na defensa e consecución da igualdade e na erradicación da violencia de xénero. É o obxectivo da programación que o Concello de Moraña puxo en marcha para conmemorar o 25 de novembro, día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres.
E para iso unha das primeiras accións foi inaugurar na Casa da Cultura a exposición Todos Feministas… E ti?, que recolle o legado de quince homes defensores do feminismo.
O acto estivo encabezado pola alcaldesa, Luisa Piñeiro, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.
A mostra, deseñada e organizada polo Centro de Información á Muller (CIM), está conformada por quince lonas de gran formato que están dedicadas á traxectoria de quince homes, recoñecidos no ámbito internacional pola súa defensa do feminismo e da igualdade.
En principio está previsto que permaneza aberta, no mesmo horario ca Casa da Cultura, durante un mes.
Na súa intervención, a alcaldesa de Moraña sinalou que o programa do 25 de novembro é "amplo e diverso" e apelou á "madurez" e á "responsabilidade" dos veciños do municipio para "comprometerse na busca da igualdade", de xeito que valoren os avances conseguidos pero mostrándose "absolutamente inconformistas" ata acadar unha igualdade "efectiva e real".
A programación do 25 de novembro continuará o vindeiro luns coa plantación simbólica de árbores, en lembranza das vítimas, nas escolas unitarias de Souto, Amil e Espedregueira e na escola infantil A Galiña Azul e coa colocación de placas identificativas ao carón das mesmas e tamén na plantada o pasado ano no CPI Santa Lucía.
A xornada completarase coa actividade "As mensaxes da árbore da igualdade" en torno aos 500 lemas pola igualdade elaborados por todos os nenos de Moraña.