Moraña presenta unha exposición sobre homes feministas

Umia
14 de novembro 2019

O Concello de Moraña vén de presentar o seu programa de actos polo 25 de Novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, cunha "concepción global" que pretende levar a loita contra esta lacra e polo fomento da igualdade aos 4.200 veciños do municipio

Presentación da programación do 25N en Moraña
Presentación da programación do 25N en Moraña / Concello de Moraña

O Concello de Moraña vén de presentar o seu programa de actos polo 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, cunha "concepción global" que pretende levar a loita contra esta lacra e polo fomento da igualdade aos 4.200 veciños do municipio.

As actividades foron presentadas no salón de plenos pola alcaldesa, Luisa Piñeiro, a concelleira de Educación e Cultura, Norma Caldas, e a coordinadora do proxecto, Marcela Santorun.

Os actos comezarán esta mesma semana co reparto de carteles informativos de concienciación nos comercios e establecementos que centran a súa mensaxe na relación dos homes coa igualdade, "os homes feministas e os beneficios que conseguirán nunha sociedade igualitaria". Esta mesma temática está incluída nos trípticos que se repartirán entre os veciños.

A seguinte actividade do programa será a apertura, o xoves 21 na Casa da Cultura, da exposición "Todos feministas, e ti?", que presentará "as novas masculinidades e os aspectos negativos da educación patriarcal nos homes" e difundirá as figuras e os legados de coñecidos homes vencellados á loita feminista a través de 15 lonas, con outros tantos persoeiros, de gran formato.

Xa no eido escolar, a vindeira semana comezarán as actividades para toda a comunidade educativa de Moraña coa construción dun puzzle pola equidade centrado en mensaxes grupais pola convivencia e contra o acoso. Posteriormente, e xa o luns 25, data propia desta xornada reivindicativa, desenvolveranse actividades do programa escolar de fomento da igualdade e erradicación da violencia de xénero "As mensaxes da árbore da igualdade", orientada aos 500 cativos do municipio.

Así, ao igual que se fixera o ano pasado no CPI Santa Lucía, realizaranse plantacións de árbores conmemorativas do 25N nas tres escolas unitarias, Souto, Amil e Espedregueira, e na escola infantil A Galiña Azul e instalaranse ao seu carón placas identificativas -incluíndo tamén na árbore do colexio do casco urbano colocada o pasado curso- para reforzar os obxectivos e a sensibilización.

Finalmente, en todos os centros afondarase na igualdade e na loita contra a violencia de xénero coa lectura dos 470 mensaxes e lemas que foron elaborados por todo o alumnado dos colexios nas últimas seis semanas no marco deste programa.