Moraña modificará o proxecto do campo de Mirallos pola inflación do prezo dos materiais

Umia
23 de febreiro 2022

O goberno local contempla un incremento da partida orzamentaria pero asume que haberá que prescindir de "elementos ou espazos non fundamentais" para poder reactivar a obra

Campo de fútbol de Mirallos en Moraña
Campo de fútbol de Mirallos en Moraña / Concello de Moraña

O alcalde de Moraña, José Cela, acudiu este mércores a unha reunión de traballo co persoal técnico da empresa encargada da execución da obra do Campo de Mirallos, así como con técnicos da Xunta de Galicia e a arquitecta responsable do proxecto, co obxectivo de avanzar nesta situación e reanudar canto antes os traballos.

Nesta reunión, “valoramos a posibilidade de realizar un proxecto modificado que se poida axustar aos prezos de mercado actuais”, explicou o alcalde, xa que a obra viuse notablemente afectada por esta burbulla de crecemento de prezos que está a afectar a toda a obra pública e privada en España.

Aínda que se valorará tamén a posibilidade de incrementar o orzamento, será preciso igualmente readaptar o proxecto inicial. Prescindirase dalgún elemento ou espazo non fundamental para poder avanzar coas obras, sen prexuizo de poder habilitalo despois máis adiante.

“Agora estamos á espera de que os técnicos teñan elaborada esa modificación e emprazámonos a unha reunión dentro dun mes para ter outra reunión e abordar como quedaría o proxecto”, adiantou o rexedor.