Recuperar ambos sectores tras máis de dous meses de peche como consecuencia da crise sanitaria do coronavirus. É o obxectivo do plan de dinamización económica "Moraña Actívase", que vai a poñer en marcha o goberno municipal no comercio e na hostalería local.
A campaña centrarase na creación dunha identidade única que apostará pola canle accesible que supoñen as redes sociais para tratar de outorgar unha gran difusión ao comercio e a hostalaría de Moraña.
Así, vaise tratar de chegar á clientela e ao público a través de accións de sensibilización sobre a economía de Moraña primando a súa proximidade, traxectoria, exclusividade e especialización ou as actividades xurdidas dende os propios establecementos para xerar confianza.
A través dun plan de marketing que incluirá un estudo do comercio local, explotaranse as fortalezas de Moraña a través de Facebook e Instagram con publicacións periódicas semanais, un servizo de atención ao cliente ou accións de dinamización e interacción.
A alcaldesa, Luisa Piñeiro, que agarda que a iniciativa xere unha boa participación e unha sinerxía favorable de toda a comunidade para impulsar a recuperación do comercio e a hostalaría, anunciou que o plan desenvolverase durante os vindeiros sete meses.
Con respecto ás medidas de apoio ao tecido económico local, o Concello vai celebrar este luns, dende as 9.00 horas, unha reunión informativa por quendas con pemes, autónomos, comerciantes e hostaleiros para explicarlles a concesión de axudas directas municipais para paliar os efectos socioeconómicos derivados da crise sanitaria do coronavirus.
Destinaranse a estas axudas un total de 100.000 euros, outorgando 900 euros aos que se viran obrigados ao peche e 400 aos que minguaran a súa facturación polo menos nun 50%.