Moraña entregará 2.500 quilos de alimentos a familias vulnerables pola crise do coronavirus

Umia
25 de marzo 2020

Esta iniciativa foi posta en marcha polo Concello de Moraña e desenvólvese en colaboración coa Cruz Vermella, que aporta un total de 2.122 quilogramos, incluíndo tamén produtos frescos e perecedeiros, mentres que a administración local vai facilitar outros 300

Reparto de alimentos de Cruz Vermella Española
Reparto de alimentos de Cruz Vermella Española / Cruz Vermella

O Concello de Moraña entregará un gran lote de alimentos a familias vulnerables e con poucos recursos ou a aquelas que estean a verse gravemente afectadas como consecuencia do estado de alarma pola crise sanitaria do coronavirus. Vanse facilitar case 2.500 quilogramos de comida a preto de 50 familias do municipio para garantir a súa subsistencia durante estas semanas.

Esta iniciativa foi posta en marcha polo Concello de Moraña e desenvólvese en colaboración coa Cruz Vermella, que aporta un total de 2.122 quilogramos, incluíndo tamén produtos frescos e perecedeiros, mentres que a administración local vai facilitar outros 300.

A alcaldesa, Luisa Piñeiro, manifestou que este programa, que funciona todo o ano para casos de exclusión social, vai estar especialmente activo durante o estado de alarma para paliar os seus efectos, con repartos periódicos segundo as necesidades sobre todo para familias con poucos recursos e cuxos cativos xantaban habitualmente no comedor escolar.

Por outra banda, as medidas sociais habilitadas fronte ao coronavirus inclúen, ademais desta axuda alimentaria para os colectivos máis vulnerables, o transporte aos domicilios de subministros básicos, como alimentos, produtos de hixiene ou medicamentos, para veciños en idade avanzada, persoas con discapacidade ou mobilidade reducida e familias con poucos recursos.

Pode solicitarse calquera destas axudas a través dos teléfonos 986553005, 639 705 823 ou 647 286 256, que tamén figuran nun bando informativo difundido por todos os puntos informativos do municipio e polas canles oficiais de comunicación do Concello.

Finalmente, dende o Concello mantéñense pechados todos os espazos públicos, como parques infantís, instalacións deportivas e culturais ou o consistorio, entre outros, e estase levando a cabo un protocolo de control para comprobar que non están a ser empregados.