A Vía Mariana, o nome que recibe a ruta de peregrinación entre Braga e Muxía, recibiu o respaldo dos concellos de Moraña e Cuntis, dous dos municipios polos que atravesa.
Así, ambos afrontarán de inmediato as derradeiras actuacións para a posta en marcha da vía, consistentes na sinalización e na mellora dun punto de paso polo río Umia entre ambos territorios, co obxectivo de que esta ruta sexa accesible desde o mes de xaneiro.
Para coordinar estes traballos, os alcaldes de Cuntis e Moraña, Manuel Campos e Luisa Piñeiro respectivamente, mantiveron unha xuntanza con Luis do Freixo, impulsor desta ruta xunto con José de la Riera.
Ambos sinalaron que integrouse a administracións e axentes veciñais, culturais e sociais para crear un gran traxecto de peregrinación entre Portugal e Galicia que ten como fíos condutores as romarías máis tradicionais e diversos santuarios, entre os que está o dos Milagres de Amil.
A sinalización da ruta vai comezar a instalarse en Moraña e Cuntis nas vindeiras semanas. A colocación destes fitos, que xa está rematada na zona sur da provincia, vai corresponder aos promotores coa colaboración económica de ambos concellos.
Ademais desta cuestión, no encontro tamén se abordou a situación dun punto de paso entre ambos concellos por riba do río Umia que se atopa practicamente derrubado.
Os rexedores explicaron que os técnicos xa están elaborando a memoria de valoración desta pequena ponte e van proceder á súa recuperación en breve prazo para favorecer o percorrido.