Doce prazas de peón son as que vai convocar o Concello de Moraña para reforzar o persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) Ulla-Umia. Será un proceso de contratación temporal mediante o sistema de concurso-oposición.
O GES, que atende ás emerxencias de Moraña, Caldas, Portas, Catoira, Campo Lameiro, Cuntis e Barro, contratará peóns en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais para o grupo de emerxencias e Protección Civil.
Ademais, o proceso creará unha lista de espera que cubrir as necesidades do servizo cando sexa preciso "garantindo o seu funcionamento en calquera situación excepcional", explica o alcalde de Moraña, José Cela.
As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes nun prazo de quince días.
Terán que facelo a través da sede electrónica do Concello de Moraña ou presencialmente na oficina municipal de asistencia en materia de rexistros, en horario de 9 a 14:30 horas.