Moraña comeza a repartición de máscaras para os menores de once anos

Umia
24 de abril 2020

Empezouse tamén coa repartición de computadores e conexión a internet para os escolares de familias sen recursos

Tarefas de desinfección no centro urbano de Santa Lucía en Moraña
Tarefas de desinfección no centro urbano de Santa Lucía en Moraña / Concello de Moraña

O Concello de Moraña puxo en marcha dúas inicitivas que teñen como principais beneficiarios a poboación menor de idade do municipio. Por unha banda, e cuns destinatarios máis reducidos, a instalación de equipos informáticos e conexión a internet nas vivendas de 25 familias sen recursos co obxectivo de que estes menores poidan seguir telemáticamente o curso escolar.

Son voluntarios de Protección Civil quen está realizando ditas instalacións. Os computadores foron facilitados polo CPI Santa Lucía, mentres que con fondos municipais sufragaranse as conexións a internet durante dous meses. Ditas conexións espérase telas concluílas para o vindeiro martes.

Doutra parte, tamén empezou a repartición de máscaras adaptadas aos nenos de maneira que poidan saír máis protexidos aos paseos que poderán realizar desde o vindeiro domingo. Distribúense ata 420 unidades para menores ata once anos e que corresponden co número de censados en Moraña.

Aínda que a medida aprobada polo Goberno permite a saída ata os 14 anos, considérase que a partir de doce anos xa poden utilizar as máscaras que se repartiron polos domicilios estes días previos.

Para a repartición séguese o mesmo procedemento: buzoneo. Desde o Concello sinálase que se houbese algún problema contáctese co número de teléfono 986 553005. Á marxe destas cuestións, o Concello tamén prosegue cos traballos de desinfección no centro urbano de Santa Lucía.