O Concello de Moraña vén de emprender unha ampliación das tarefas de limpeza e desinfección para paliar os riscos de contaxio do coronavirus á contorna de establecementos comerciais, locais de hostalaría e ás igrexas parroquiais con motivo da súa reapertura pola implantación da fase 2 do plan de desescalada.
Así mesmo, estas accións tamén van chegar aos primeiros edificios públicos municipais que reinician a súa actividade, como son o consistorio e a Casa da Cultura, que abren dende este mércores con restriccións e cita previa e, aínda que dispoñen de medidas de seguridade e hixiene e protocolos específicos, precisan desta labor xa que van a comezar a ser percorridos con maior asiduidade polos morañeses.
A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, explicou que "non imos deixar que decaian as medidas de protección sanitaria ata que a situación estea plenamente controlada e para iso, por desgraza, aínda falla algo de tempo".
Deste xeito, dende o Concello mantense a desinfección periódica de zonas comúns e espazos céntricos do municipio que foron os que rexistraron máis afluencia de veciños durante o confinamento e que agora redobraron o seu tránsito como consecuencia das menores restriccións polo plan de desescalada.
Entre estes lugares atópanse o centro de saúde de Santa Lucía, os supermercados, as farmacias, a rede de contedores de lixo e outros espazos céntricos e con tránsito.