Moraña amplía o seu plan de obras con oito novas actuacións en infraestruturas

Umia
01 de maio 2020

Este paquete, que se enmarca no Plan Concellos 2020, alcanzará un investimento conxunto de 333.000 euros e xa ten definidos todos os seus proxectos

Rúa 1 de Moraña
Rúa 1 de Moraña

O Concello de Moraña confirmou a ampliación do plan de obras do presente ano co deseño de oito novas actuacións que mellorarán as infraestruturas do municipio.

Trátase no seu conxunto dun paquete de accións cun investimento total de 333.000 euros enmarcado dentro do Plan Concellos 2020 da Deputación.

Segundo informa o goberno local melloraranse cinco pistas municipais do rural e tres espazos urbanos en Santa Lucía.

En concreto no núcleo urbano está previsto que se acometa o final da mellora da contorna do novo Edificio Multiusos, a remodelación das beirarrúas entre a Carballeira e o Concello, e o acondicionamento dos espazos anexos á pista multideporte.

Pola súa banda no rural actuarase executando asfaltados nos lugares de Fontenla, na parroquia de Laxe; Agriños e Santa Margarida, ambos en Saiáns; e Aldea da Fonte e O Souto, en Lamas.