Monumentos senlleiros do Camiño de Santiago ilumínanse coa iniciativa 'Acende o Xacobeo'

Pontevedra
27 de decembro 2020

Con motivo da apertura da Porta Santa, o próximo 31 de decembro, a Xunta de Galicia iluminará 44 monumentos representativos das diferentes rutas do Camiño de Santiago, como antesala ao comezo do Xacobeo 2021. A iluminación dos monumentos representa unha conta atrás do inicio do Ano Santo

'Acende o Xacobeo' na Igrexa de San Francisco (Pontevedra)
'Acende o Xacobeo' na Igrexa de San Francisco (Pontevedra) / PontevedraViva

Con motivo da apertura da Porta Santa, o próximo 31 de decembro, a Xunta de Galicia iluminará 44 monumentos representativos das diferentes rutas do Camiño de Santiago, como antesala ao comezo do Xacobeo 2021. A iluminación dos monumentos representa unha conta atrás do inicio do Ano Santo.

Cada día iluminaranse diferentes edificios emblemáticos de xeito secuencial, seguindo as diferentes rutas de peregrinación a Santiago: Camiño de Inverno, Camiño Francés, Camiño Inglés, Camiño Norte, Camiño Portugués, Camiño Portugués da Costa, Camiño Primitivo, Ruta do Mar de Arousa e do Río Ulla, Vía da Prata e Camiño Fisterra Muxía.

A iluminación dos monumentos evoca o percorrido que realizan os peregrinos na Ruta Xacobea, culminando na Catedral de Santiago, co alumeado da torre do Reloxo.

A iluminación nos concellos galegos levarase a cabo en tres fases –do 22 ao 25 de decembro, do 26 ao 28 e do 29 ao 31- e será de forma secuencial a través das distintas etapas dos camiños a Compostela ata chegar á catedral de Santiago.

Os monumentos escollidos para cada fase iluminaranse de cor azul, coa proxección do logotipo do Xacobeo 2021 e a frecha amarela.

Ademais, na Torre do Reloxo da Catedral, coñecida como A Berenguela, proxectarase durante este período un vídeo de animación que tamén recreará a peregrinación a Compostela.

Para levar a cabo esta acción, a Xunta conta coa colaboración dos concellos implicados, das dioceses galegas, do parador do Castelo de Monterrei e o de Vilalba, así como o Semáforo de Fisterra e algunhas entidades privadas.

Participarán outras nove Comunidades Autónomas: Andalucía, Aragón, Asturias, Cantabria, Castilla y León, Extremadura, La Rioja, Murcia e Navarra iluminando un total de 49 monumentos, o que se traduce nun total de 93 localizacións iluminadas dentro desta acción.

Este é o listado completo dos edificios e datas de iluminación: http://bit.ly/MONUMENTOSILUMINADOS

 

CONCURSO NAS REDES SOCIAIS

Co obxectivo de fomentar a participación cidadá neste acontecemento, a Xunta, a través de Turismo de Galicia, organiza un concurso de fotografía onde os participantes deberán facerse un selfie, individual ou colectivo, co edificio iluminado detrás.

Aquelas persoas que queiran participar nesta actividade só terán que subir ás redes sociais a imaxe cos hashtags #AcendeOXacobeo #EnciendeElXacobeo ata o 1 de xaneiro de 2021.

Un xurado constituído por persoal de Turismo de Galicia, atendendo tanto á súa orixinalidade como aos seus valores, elixirá os tres selfies gañadores, que poderán gozar dunha experiencia gastronómica nun restaurante con estrela Michelin e unha estancia gastronómica de fin de semana nun establecemento galego.

A participación está aberta a todos os cidadáns españois maiores de 18 anos e as fotografías poderán realizarse diante de calquera dos edificios iluminados nas distintas comunidades autónomas que participan nesta iniciativa.

Pódense consultar as bases do concurso premendo no seguinte enlace: http://bit.ly/BASESLEGALESENCIENDEELXACOBEO