Montse Prado e Alexandra Fernández escoltarán a Bará á fronte da candidatura do BNG por Pontevedra

Pontevedra
14 de xaneiro 2024

"O que funciona non se cambia", asegura Ana Pontón. E así, a candidatura do BNG por Pontevedra para as eleccións galegos do 18 de febreiro apenas recolle cambios nos postos de saída. Repiten á fronte todos os actuais deputados e deputadas no Parlamento

Ana Pontón, tras o Consello Nacional do BNG
Ana Pontón, tras o Consello Nacional do BNG / EFE / Xurxo Martínez

"O que funciona non se cambia", asegura Ana Pontón. E así, a candidatura do BNG por Pontevedra para as eleccións galegos do 18 de febreiro apenas recolle cambios nos postos de saída. Repiten á fronte todos os actuais deputados e deputadas no Parlamento.

Así, tras o pontevedrés Luis Bará, que volverá a encabezar o cartel electoral, irán Montse Prado (2), Alexandra Fernández (3), Paulo Ríos (4), Carmela González (5) e Cristina Fernández Davila (6).

O único cambio con respecto a 2020 é que non estará Manu Lourenzo, agora alcalde de Soutomaior, que nas últimas eleccións autonómicas era o número 4 por Pontevedra.

Tras os seis representantes que o BNG ten na cámara galega irán Brais Ruanova (7), Ariadna Fernández (8), a pontevedresa Marta Gómez (9) e Xavier Rodríguez Paz (10), actual portavoz do BNG en Vilagarcía de Arousa.

A candidatura, que se pode consultar nesta ligazón, péchaa o ex reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.

Tras o visto bo do Consello Nacional a esta candidatura, Pontón destacou que o BNG "gaña impulso" con novas incorporacións pero tamén aposta polo "inmenso caudal de experiencia” acumulada durante os últimos anos polo grupo parlamentario

"A experiencia na oposición é un gran valor e un gran activo para liderar o próximo goberno de Galicia", destacou a candidata do BNG á presidenta da Xunta, que pediu aos seus "deixarse a pel e non escatimar esforzos" para conseguir un cambio á fronte do goberno galego.

Ana Pontón defendeu que "este é o momento do BNG", porque considera que "somos a forza do cambio útil para Galicia, somos a esperanza e a ilusión para todas as persoas que queren abrir un tempo novo e colocar Galicia no lugar que lle corresponde".

Arquivado en