Montse Lamas Castro, traballadora de servizos funerarios, recibirá o Premio 8 de Marzo da UGT

Pontevedra
05 de marzo 2024

Esta traballadora dun sector moi masculinizado foi delegada sindical durante oito anos. A entrega do premio está prevista para o xoves 7 de marzo ás 11.30 horas no local do sindicato en Pontevedra na rúa Pasantería

Montse Lamas, traballadora nunha funeraria
Montse Lamas, traballadora nunha funeraria / UGT Pontevedra-Arousa-Deza

A Unión comarcal de UGT Pontevedra-Arousa-Deza entregará o Premio 8 de Marzo deste sindicato a Montserrat Lamas Castro, unha traballadora de servizos funerarios, sector moi masculinizado, no que exerceu como delegada sindical durante oito anos.

A proposta procede da Federación UXT-Servizos Públicos Pontevedra e o premio será entregado este xoves 7 de marzo, ás 11.30 horas, nun acto previsto no local sindical de UGT na Rúa Pasantería.

Montse Lamas lembra que cando comezou neste traballo só había catro mulleres, na área de administración e unha maquilladora pero ningunha responsable funeraria. Recoñece as dificultades que se atopaba nos seus inicios hai máis de vinte anos no sector. "Algúns compañeiros non recibían ben que unha muller lles dixera o que tiñan que facer", afirma.

Co paso dos anos, as mulleres configuran o 25% do persoal da súa empresa funeraria, sinala para insistir en que "todo é posible. Só hai que tentalo", mensaxe que traslada á súa filla adolescente para que asuma aqueles retos que teña en mente.

Montse Lamas defende a loita das mulleres e das traballadoras e traballadores polos seus dereitos co obxectivo posto en lograr un mundo máis igualitario e xusto.

Arquivado en