Montecelo, vivenda pública e a dragaxe do Lérez centran o investimento da Xunta en Pontevedra para 2025

Pontevedra
19 de outubro 2024

A Xunta de Galicia ten previsto destinar o próximo ano ao Concello de Pontevedra 263,2 millóns de euros, segundo detalla o goberno autonómico tras a presentación do seu proxecto de Orzamentos

Obras de construción do nuevo Hospital de Montecelo
Obras de construción do nuevo Hospital de Montecelo / Mónica Patxot

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, entregou este sábado no Parlamento o proxecto de Lei de Orzamentos para 2025 do goberno galego.

Unhas contas que ascenderán en total até os 13.954 millóns de euros, os máis altos da historia da Xunta, e que xa empezaron a debullarse.

Neste sentido, a delegación territorial da Xunta en Pontevedra destacou que a capital provincial recibirá en 2025 unha inxección autonómica de 263,2 millóns de euros, dos que máis de 97 millóns de euros corresponderán a investimentos.

Serán as obras do novo Hospital de Montecelo as que levarán a maior parte dese investimento, con 41,2 millóns destinados á construción do centro sanitario e outros 30 millóns de euros previstos na adquisición de equipamento.

Ademais a vivenda pública será a segunda maior partida dos orzamentos da Xunta en Pontevedra, con 9,36 millóns máis 680.000 euros para a adquisición do solo. "Xa existen múltiples proxectos que se están a levar a cabo en Pontevedra nos que este ano poderemos ver avances significativos", afirma o delegado territorial, Agustín Reguera.

Por nivel de investimento continúan a lista a dragaxe do río Lérez que terá consignada 3,6 millóns de euros e a reforma do IES Valle-Inclán con 2 millóns.

Ademais terá asignación a continuación da obra da senda entre Mollavao e Praceres (aínda que de maneira conxunta coa actuación na Senda Vigo-Ramallosa con 3,27 millóns en total), a mellora da residencia de maiores de Campolongo (1,5 millóns), o Pazo de Lourizán (1,4 millóns), a mellora do edificio administrativo da Xunta (1 millón), a ampliación do EEI Crespo Rivas (800.000 euros), a reforma do CEIP Froebel (650.000euros), as obras de conservación do convento de Santa Clara, da Basílica de Santa María e do santuario da Peregrina, obras de eficiencia enerxética no CIFP Carlos Oroza (292.000 euros), a Variante de Alba (250.000 euros), a mellora do polígono do Campiño (177.000 euros), e a remodelación dos Xulgados da Parda (123.000 euros).

COMARCA DE PONTEVEDRA

A Xunta de Galicia destacou tamén algunhas dos investimentos que se acometerán na comarca, empezando polos 14 millóns que destinarán ao saneamento da ría e seguindo con partidas como os 5 millóns de euros que se destinarán ás obras de renovación do IES Aquis Celenis en Caldas de Reis.

En Bueu destaca o final da obra 'BIC Ons', que conta cunha achega de 1,8 millóns para restauración paisaxística, infraestructras ou sinalización, ademais da nova depuradora de Ons (preto de 590.000 euros).

En Marín a remodelación da residencia de maiores contará cunha achega de 1,2 millóns de euros, a rehabilitación do CEIP Seixo de 900.000 euros e as obras no CEIP Sequelo de 200.000 euros, ademais de contar cunha achega de 750.000 euros para o Plan Hurbe.

Pola súa banda en Poio destacan as obras do CIFP Canteira con 600.000 euros e a mellora do firme no porto de combarro (105.000 euros), mentres que a mellora da PO-235 en Cerdedo-Cotobade e A Lama contará cun investimento de 2 millóns.