Montecelo estrea un novo sistema pioneiro en Galicia de preparación de medicamentos para tratamento con quimioterapia

Pontevedra
11 de xuño 2019

Se denomina BD Cato e, polo dagora, emprégase para preparados de quimioterapia oncohematolóxica. A mellora do servizo de Farmacia do Complexo Hospitalario permite levar a nivel "cero" os erros nas preparacións e garantiza a seguridade do persoal que prepara estes medicamentos perigosos

Carlos Crespo, xefe do servizo de Farmacia; José Ramón Gómez, xerente; Sonia Fernández-Arruty, directora asistencial e Alfonso Reboredo, de BD
Carlos Crespo, xefe do servizo de Farmacia; José Ramón Gómez, xerente; Sonia Fernández-Arruty, directora asistencial e Alfonso Reboredo, de BD / PontevedraViva

Leva un mes de funcionamento e aspira a ser todo un referente para os servizos de farmacia internacionais. Especialmente os profesionais do sur de Europa e América do Sur van estar moi pendentes do seu funcionamento para aplicalos no futuro nos seus centros hospitalarios.

Así presenta Carlos Crespo, xefe do servizo de Farmacia do Complexo Hospitalario de Pontevedra o BD Cato, un sistema novo en Galicia e que permitirá a elaboración con erro "cero" dos preparados de quimioterapia. 

O xerente do Complexo Hospitalario de Pontevedra, José Ramón Gómez, acompañado pola directora asistencial Sonia Fernández-Arruty, polo xefe do servizo e por Alfonso Reboredo, representante da compañía farmacéutica Becto Dickinson explicaban este martes as melloras que supoñerá esta iniciativa na elaboración dos ao redor de 25.000 preparados que se realizan anualmente na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Segundo explicaba Carlos Crespo, esta cifra vai en aumento xa que experimentou un incremento no último ano que ascende ao 14% respecto ao anterior.

O BD Cato permite maior seguridade na preparación dos medicamentos, eficiencia no traballo de maneira que o material residual para un elaborado poida ser utilizado noutra ocasión. Isto, segundo explicaban os responsables do complexo hospitalario, supón unha redución de gastos no apartado farmacéutico. Ademais proporciona seguridade ao persoal que traballa con estes medicamentos que emiten vapores perigosos para a saúde.

Neste sentido creáronse salas brancas con fluxo laminar vertical e incorporouse un escáner, unha cámara fotográfica, unha balanza de precisión e un computador para levar a cabo todo o procedemento e evitar, no maior grao posible, o erro humano. Con este sistema o erro detéctase xa no proceso de preparación mentres, ata agora, co sistema volumétrico eses erros só se podían detectar cando o medicamento estaba finalizado e había que eliminalo como residuo perigoso.

A administración dos preparados realízase utilizando sistemas pechados e bombas intelixentes nos Hospitais de Día e nas plantas de hospitalización oncohematolóxicas. A directora asistencial Sonia Fernández-Arruty afirmou que o obxectivo é que no Salnés póñase en marcha o hospital de día o próximo ano coa aplicación deste sistema.