Ata 76,3 millóns de euros prevé investir a Xunta de Galicia en 2024 para seguir avanzando nas obras de ampliación do Hospital de Montecelo. Así o recolle os orzamentos autonómicos para o próximo ano, cuxo contido se desvelou este venres.
Para Montecelo, que seguirá sendo un ano máis a actuación en Pontevedra que máis diñeiro absorba, o goberno galego destinará 50,7 millóns para completar a obra de ampliación co novo edificio hospitalario e 25,6 millóns para adquirir mobiliario e equipamento sanitario.
Ademais, as contas para 2024 xa fan unha previsión de investimentos en Montecelo para 2025, ao reservar 23,1 millóns para iniciar a reforma do actual hospital e outros 11 millóns para comprar máis equipamento sanitario para o complexo pontevedrés.
A reforma da PO-546, a coñecida como estrada vella a Marín, entre Mollavao e Os Praceres, consumirá pola súa banda 6,6 millóns de euros, mentres que para a reforma do Pazo de Lourizán aparecen 873.000 euros, co obxectivo de traballar no proxecto de rehabilitación.
Á rehabilitación integral do IES Valle Inclán, a Xunta destinará o próximo ano 2,55 millóns de euros -dun total de 4,7 millóns-; aos que se sumarán 3 millóns para a reforma integral da residencia de Campolongo e 1,4 millóns para o centro de menores Avelino Montero.
As obras pendentes no edificio xudicial da Parda, na que se proxecta a reforma dos vellos xulgados, levarán en 2024 uns 250.000 euros.
INVESTIMENTOS NOUTROS CONCELLOS
Os orzamentos da Xunta para 2024 recolle as ampliacións do CIFP Bouza Brey en Vilagarcía (2,03 millóns) e do IES Aquis Celenis de Caldas (3,12 millóns) ou o acondicionamento das PO-230, PO-234 e PO-235, entre Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas e A Lama (1 millón).
Entre outras partidas específicas tamén aparecen 276.000 euros para obras de conservación do Museo Massó en Bueu ou 200.000 euros para o Hospital do Salnés, onde se reformarán o áreas de hospitalización a domicilio e as dependencias do 061.
En materia sanitaria, estas contas inclúen 2 millóns para o novo centro de saúde de Vilagarcía e partidas para a ampliación do de Baltar (500.000 euros) e impulsar os novos en Meis (400.000 euros), Soutomaior (300.000 euros) e Barro (200.000 euros).
Ademais, hai outros 200.000 euros reservados para licitar os proxectos dos novos centros de saúde de Caldas de Reis, O Grove e Poio, así como a ampliación do de Moraña.
En materia de saneamento, a Xunta destinará 3,5 millóns para reforzar o sistema de Vilagarcía, 4,7 millóns para a mellora do saneamento e a depuradora de Cambados ou case 1 millón para as obras de saneamento previstas no río Lameira, en Marín.
Ademais, Portos de Galicia, entre outras actuacións menores, reservou 532.000 euros para a ordenación de usos no vial de acceso ao porto de Raxó ou 869.000 euros para a ampliación da lonxa de Cambados.