'Monte Porreiro quere avanzar', en desacordo coa reordenación do tráfico que implica a reforma das rúas Grecia e Alemaña

Pontevedra
17 de setembro 2021
Actualizado: 19:54

A plataforma 'Monte Porreiro quere avanzar' mantivo este venres un encontro co concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, que informou a este colectivo dos datos existentes a día de hoxe sobre o proxecto de reforma integral das rúas Grecia e Alemaña

Demetrio Gómez con representantes da plataforma 'Monte Porreiro quere avanzar'
Demetrio Gómez con representantes da plataforma 'Monte Porreiro quere avanzar' / Mónica Patxot

A plataforma 'Monte Porreiro quere avanzar' mantivo este venres un encontro co concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, e trasladoulle o seu desacordo coa reordenación do tráfico que implicará a reforma integral das rúas Grecia e Alemaña. 

'Monte Porreiro quere avanzar', segundo indicou o Concello a través dun comunicado, manifestou o seu acordo coa necesidade de gañar espazo para as persoas, pero consideraron un problema a reordenación do tráfico, xa que entenden que vai a aumentar o tránsito de vehículos pola rúa Cambria. Ao entender da plataforma, esta rúa non está preparada para soportar esta carga, polo que propoñen manter o actual sentido de circulación.

Desde 'Monte Porreiro Quere Avanzar' sinalaron a través dun comunicado que a plataforma comprende que existe un "problema grave en canto á desmesurada cantidade de vehículos" que atravesan o barrio, e por iso dedicou unha importante parte da xuntanza a tratar distintas cuestións do reordenamento do tráfico. 

Así, por exemplo, fíxose algunha proposta de modificación, coma no caso da Rúa Cambria, que no proxecto municipal consta en sentido de subida pero que consideran que "suporía para esa rúa un aumento vertixinoso do tráfico, sen estar adecuada esa vía para tremendo fluxo de tráfico". Esta plataforma propuxo que a rúa quede no mesmo sentido que na actualidade, recibindo o compromiso do Concello de estudar esta alternativa, conxuntamente coa Policía Local.

concelleiro de Obras comprometeuse a estudar a proposta antes de pór en marcha a execución do proxecto.

Demetrio Gómez informou a este colectivo dos datos existentes a día de hoxe sobre o proxecto de reforma integral das rúas Grecia e Alemaña e trasladou aos representantes veciñais que o Concello está á espera de recibir "nestes días" o proxecto da reforma, xa que polo de agora tan só hai unhas liñas de traballo definidas, que inclúen unha aposta pola peonalización.

O encontro serviu para facer fincapé na necesidade de renovar todos os servizos municipais soterrados do barrio, xa que se atopan en mal estado, e tamén da importancia de dotar de abastecemento de auga potable a varios inmobles da rúa Cambria.

Segundo informou o Concello ao remate do encontro, tamén se amosou preciso mellorar a calidade urbana en todo este ámbito especialmente no que ten que ver coa seguranza viaria, debido ao aumento do volume de vehículos que usan esta zona como vía de paso sen deterse no barrio.

No encontro tamén se tratou a necesidade de ofrecer máis información á veciñanza sobre a reforma, polo que o concelleiro adiantou que o seu departamento fixará un calendario a comezos da vindeira semana, en canto se reciba o proxecto da obra, para dar información para cada veciña e veciño e tamén ofrecer información na web municipal cunha caixa de suxestións e reunións para explicar o proxecto.

Os representantes veciñais tamén expuxeron outras demandas como a necesidade de continuar coas obras de sostemento do espazo público que se están a desenvolver e falaron de obras relacionadas coa seguranza viaria, tales como a parada do bus escolar do IES Luís Seoane.

A plataforma levou á xuntanza dúas propostas que recibiron o compromiso do edil de ser estudadas en profundidade. Unha ten que ver coa posible creación dunha zona de aparcamento na rúa Reino Unido, para paliar o déficit de prazas de estacionamento que existe na zona, sobre todo tras o aumento de estudantes de ciclos formativos no centro de educación secundaria do barrio.

A segunda proposta é á posible creación dun paso de peóns na rúa Alemaña, á altura do número 50 (entre Pneumáticos Fayfer e o Centro Cultural de Monte Porreiro), para facilitar o cambio de beirarrúa do alumnado do centro secundario do barrio que se dirixe a parada de autobús para coller o transporte escolar.