O Entroido pontevedrés tardou en despedir de todo. Non foi ata este domingo 16 de marzo cando o barrio de Monte Porreiro puido celebrar o seu desfile. Pero non por tardío, foi menos agardado e, sobre todo, menos participado por toda a veciñanza.
Os participantes no desfile, que se concentraron na rúa Dinamarca, exhibiron os seus disfraces por un circuíto que pasou por Italia, Alemaña e Irlanda, antes de rematar nas inmediacións da escola taller. Os premios entregáronse nun acto que se celebrou na Praza de Europa.
Para valorar os participantes, o xurado tivo en conta non só a categoría do disfrace, senón tamén a participación activa e humorística que tiveron durante o desfile.
Así, Os 100tolos foron a comparsa máis puntuada e recibiu os 350 euros de premio, seguida de Os Paparrulos (300 euros) e Os Canecos (275 euros).
Pola súa banda, a proposta Botou o mar por fóra foi a gañadora en grupos (250 euros) e La Abuela Moderna foi a triunfadora entre os disfraces individuais (50 euros).