Monte Porreiro 'arroupa' ás persoas refuxiadas con mantas tecidas á man

Pontevedra
08 de novembro 2016

Facendo súa a máxima "moita xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas, pode cambiar o mundo", alumnado, profesorado e familias do IES Luís Seoane implicáronse no proxecto 'Tecidos de paz'. O día 21 descolgarán pola fachada do centro as mantas que crearon nas últimas semanas 

Alumnado, profesorado e familias do IES Luis Seoane tece mantas no proxecto Tecidos de Paz
Alumnado, profesorado e familias do IES Luis Seoane tece mantas no proxecto Tecidos de Paz / Mónica Patxot

Facendo súa a máxima de Eduardo Galeano "moita xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas, pode cambiar o mundo", a comunidade educativa do IES Luís Seoane de Monte Porreiro está decidida a achegar o seu gran de area para arroupar ás persoas refuxiadas ou migrantes, en especial ás que pasan a súa infancia errando por 'fogares' inhóspitos mentres foxen de países devastados pola guerra ou a pobreza. Para que se amparen do frío do duro inverno e da indiferenza da sociedade, faranlles chegar mantas solidarias que están a tecer a man.

No vestíbulo do centro, na casa ou en calquera lugar que xurda están a tecerse esta iniciativa e las de todas as cores. De forma individual ou nos grupos que se crean aproveitando os recreos do instituto e as tardes dos luns, nas tres últimas semanas teceron pezas independentes e agora empezaron a entrelazar todos os anacos e crear mantas de 2x1,5 metros.

Resulta imposible determinar canta xente se implicou nesta iniciativa solidaria, pois todo o barrio converteu os fíos e agullas en protagonistas do seu tempo libre. Engancháronse á iniciativa o propio alumnado, o profesorado, nais, pais, avoas e mesmo veciñas que non teñen nada que ver co centro. "O barrio enteiro está a traballar", asegura Sesa Torres, nai dunha nena de terceiro de ESO que se uniu á iniciativa.

Ela acode ao centro unha tarde por semana para tecer en compañía, pero, ademais, está a fomentar a iniciativa na calor do fogar. Na súa casa, cada noite, "despois de cear, sentamos todos de lareta e tecemos xuntos" e é consciente de que esa escena é cada vez máis frecuente no barrio. De feito, segundo explica Chelo Rodríguez, nai dunha alumna de primeiro de Bacharelato, todos os participantes comparten un grupo de WhatsApp que soborda actividade con fotos dos participantes e no que "tamén hai moitos avós que o fan na casa". 

'Tecidos de paz' é unha iniciativa colectiva e diversa, aínda que o motor do proxecto é feminino. Sen ir máis lonxe, na tarde deste luns o vestíbulo do instituto fervía de actividade, con longas tiras de la colocadas no chan e grupos de xente tecendo novas pezas ou unindo as xa elaboradas e das ao redor de 30 persoas presentes, tan só media ducia eran homes, seis nenos de ESO trenzando e o director do centro, Carlos García.

A María Xosé Dourado, profesora do centro e coordinadora do Comité Unesco xunto a Luisa Márquez, non se lle escapa esta 'feminización' do proxecto, pero destaca tamén que na iniciativa hai implicadas moitas máis persoas. 'Tecidos de paz' logrou tecer unha rede de colaboración interxeracional que é a clave do seu éxito e sinal de que está a cumprir o seu obxectivo, sensibilizar sobre os dereitos das persoas migrantes e refuxiadas.

Ainoa, Lucía e Aldara son tres alumnas de segundo e primeiro de ESO do centro que serven de exemplo. Xa eran propensas a sensibilizarse co tema, pois forman parte do comité Unesco do instittuo, integrado desde hai anos na Rede de Escolas Asociadas á Unesco, pero, ademais, este proxecto chegoulles fondo. As tres sabían tecer, pero agora perfeccionaron a técnica e ensinan ao resto de compañeiros que se están iniciando e profundaron no convencemento de que moitos problemas no mundo poderían minimizarse se "a xente non pensare tanto en si mesmos e foran máis solidarios cos demais". 

Ata hai unhas semanas, tan só coñecían de forma superficial a crise do colectivo refuxiado e agora empapáronse da súa realidade, cumprindo o que, segundo Carlos García é un dos obxectivos do proxecto, que o alumnado se informe do que sucede no mundo.

Outro deses logros acadados é que "participen en algo que os poida encher como persoas e, ao mesmo tempo, axudar aos demais" e, desta forma, entren na dinámica de axudar. Na súa opinión, o feito de que fagan a man as mantas consegue que "se impliquen máis" e acaben comprometéndose.

O proxecto terá o seu punto álxido o luns 21, con motivo do Día Universal do Neno das Nacións Unidas que se conmemora cada 20 de novembro. Nesa semana organizaranse dúas charlas con persoas que estiveron en campamentos de refuxiados e unha exposición sobre 'Tecidos de paz' e, como colofón, ese día descolgarán todas as mantas pola fachada do centro. A continuación, esas pezas serán doadas a unha ONG e ás persoas sen teito do municipio. 

Arquivado en