O colectivo Monte Pituco insta o Concello de Marín a recuperar e a poñer en valor o legado cultural e intelectual do mestre Carlos Paratcha, que destacou polo seu labor de investigación, defensa e divulgación do patrimonio prehistórico marinense.
A asociación acaba de presentarlle ao Concello as conclusións das III Xornadas pola protección do patrimonio de San Xián, dedicadas á figura de Carlos Paratcha Vázquez (Marín, 1900 - 1974) e lembra que en marzo de 2020 cumpriranse 120 anos do seu nacemento.
Monte Pituco insta á Concellería de Cultura a impulsar un recoñecemento público na súa memoria que contribúa a darlle o lugar que merece na historia local, tanto pola súa dedicación á formación académica de moitos veciños marinenses, como pola súa achega desinteresada para que Marín conte na actualidade cun amplo e valioso catálogo de bens arqueolóxicos.
Para acompañar a súa petición, indican as conclusións de dous dos ponentes das citadas xornadas: o arqueólogo e conservador do Museo de Pontevedra Antonio de la Peña e o doutor e promotor cultural de Moraña, José Casal. Nestas xornadas, testemuñaron o compromiso cultural de Carlos Paratcha -que tamén padeceu a represión franquista- destacados persoeiros da época, como o historiador marinense Antonio Blanco Freijeiro; quen fora secretario do Museo de Pontevedra, Alfredo García Alén; o investigador Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza; profesores do Instituto Laboral de Marín como Antonio Porta de la Encina e Antonio Vicent Aparici; e o polígrafo Elixio Rivas, entre outros.
No que respecta a Marín, débeselle que saísen á luz conxuntos rupestres no Pornedo, Champás, na Carrasca, na Moreira, na canteira da Laxe ou no bosque de Cadro, ademais doutros vestixios vencellados ao antigo Priorato.
Moitos destes descubrimentos foron documentados polo propio Carlos Paratcha a través de fotografías, debuxos e descricións manuscritas; algúns deles forman parte do arquivo do Museo de Pontevedra e outros atópanse entre os fondos da Biblioteca Municipal de Marín.
Para o colectivo Monte Pituco resulta primordial que o Concello de Marín asuma a catalogación destes documentos, que se garantice a súa conservación e poidan estar a disposición tanto dos expertos como da veciñanza en xeral, dando a coñecer a figura e o labor de Paratcha a través de exposicións e xornadas divulgativas.