Unha andaina ao solpor, organizada pola Asociación Monte Pituco, buscará divulgar a arte rupestre de toda esta zona. Terá o lugar o vindeiro sábado 27 de setembro, a partir as 17.30 horas. A saída será na arboreda do Pituco, na estrada de Figueirido EP-0019 e a carón do cruce coa pista do Regueiriño. Serán tres horas dun percorrido de dificultade media-baixa que permitirá observar os petróglifos cando estes se aprecian en condicións óptimas pola luz.
No itinerario programado atópanse os conxuntos rupestres do Pornedo, Carrasca, Champás, Sete Camiños e Pinal de Caeiro, todos eles situados no monte veciñal da parroquia de San Xulián. Este roteiro tamén pretende poñer en valor o monte e sensibilizar á cidadanía sobre a necesidade de conservar e protexer este patrimonio arqueolóxico, catalogado como Ben de Interese Cultural.
Os organizadores lamentan que o monte veciñal de San Xulián posúa un enorme potencial "que pasa completamente desapercibido por falta de mantemento e de sinalización", o que conleva o seu descoñecemento.
A veciñanza ignora, segundo Monte Pituco, que nos petróglifos do Pornedo conviven formas xeométricas circulares con figuras de armas, que acentúan a súa singularidade; que os gravados rupestres de Sete Camiños son das poucas representacións zoomorfas localizadas nesta zona; ou que o de Pinal de Caeiro é coñecido popularmente como 'O ciclista' pola súa atípica morfoloxía semellante a unha bicicleta.
Ademais, destacan que o conxunto rupestre da Carrasca "nada ten que envexar" aos famosos petróglifos de Mogor; ou o carácter monumental do grupo arqueolóxico de Champás, cuns penedos dispostos en forma de asento que lle deron o nome de "silla de Champás".
Boa parte deste patrimonio corre o risco de desaparecer, denuncia a asociación, porque está afectado por diversos proxectos de infraestruturas, como as obras da nova rede de abastecemento de auga, a estrada promovida pola Deputación de Pontevedra para conectar a Brilat coa Variante de Marín e o polígono industrial contemplado no PXOM. A Asociación Monte Pituco ten interpostos varios recursos contra estes plans.
O itinerario será circular e discorrerá pola pista forestal do Pituco, por antigos camiños de monte e por un treito da pista de servizo da variante de Marín. A andaina rematará no punto de partida, con música e petiscos. En caso de chuvia, adiaríase ata novo aviso.