Mollabao Sí iniciará unha campaña de protestas nos actos de Lores ante o abandono do barrio

Pontevedra
22 de novembro 2018

Este mércores desenvolvíase unha asemblea á que asistiron representantes de todos os grupos políticos da oposición municipal. A veciñanza ten previsto organizarse para reivindicar as melloras no barrio nos actos que protagonice o alcalde de cara as vindeiras eleccións

Asemblea veciñal en Mollabao
Asemblea veciñal en Mollabao / Mónica Patxot

Os veciños de Mollabao, que na tarde deste mércores acudían á asemblea convocada pola plataforma Mollabao Sí, decicía facer visible o abandono do barrio en diversos actos ao longo dos vindeiros meses. Queren amosar o seu descontento co labor do goberno local ao que acusan de non facer investimentos durante os últimos 20 anos en melloras para este espazo da cidade.

Estes veciños, liderados polo portavoz Juan Sáenz-Díez, desenvolverán unha campaña de actos reivindicativos nos que amosarán as súas demandas durante os actos que protagonice o alcalde nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores ao longo dos vindeiros meses con motivo das inauguracións de obras previstas noutros puntos do municipio.

Ademais teñen previsto presentar reclamacións ante o Concello ante a falta de servizos que detectan no barrrio. Denuncian que están cansos de promesas incumpridas e non aceptan as desculpas que realizan desde o goberno local escudándose noutras administracións para xustificar os atrasos na execución dos proxectos previstos para a mellora de Mollabao.

A esta asemblea, que se celebraba baixo a ponte da autoestrada nas proximidades ás instalacións do centro de saúde da Casa do Mar, asistían representantes de todos os grupos da oposición municipal.

Por parte do Partido Popular atopábanse os concelleiros José Luis Martín e César Casal; Tino Fernández e Iván Puentes asistían en representación do grupo municipal socialista; Carmen Moreira e Manuel Fontán como integrantes de Marea Pontevedra e María Rey, como portavoz municipal de Ciudadanos.