A cidade de Pontevedra está totalmente envorcada co Campionato de España de Tríatlon de longa distancia e o Campionato Galego de Tríatlon Cross, que se celebran durante toda a fin de semana e que desde este xoves xa empezaron a deixar as primeiras restricións de tráfico incluídas no operativo especial de seguridade deseñado pola Policía Local para garantir que as probas deportivas previstas transcorran de xeito correcto.
Desde este xoves xa está prohibido estacionar na avenida Bos Aires (no tramo entre a ponte dos Tirantes e a glorieta da ponte das Palabras), Pai Gaite, Pai Fernando Olmedo (ata a porta de acceso ao aparcamento do Estadio da Xuventude), Xosé Malvar (tramo entre o cruzamento da Seca e a ponte dos Tirantes), Travesía Bos Aires (tramo entre a glorieta interior da antiga Tafisa e a avenida Bos Aires) e o estacionamento disuasorio da antiga Tafisa (anexo estacionamento auto caravanas).
As principais restricións serán este sábado 25 de agosto, xornada na que permanecerán pechadas ao tráfico entre as 7.45 e as 21.30 horas as rúas máis próximas ao río: Bos Aires, Campus Universitario, Corbaceiras e Uruguai.
Con motivo da proba ciclista do campionato de tríatlon entre as 08.30 e as 17.00 horas non se poderá circular pola estrada N-550 entre a glorieta de Médico Ballina e o cruzamento coa EP-0506 en Barro nin pola estrada PO 224 no tramo entre a N 550, a subida ao Pontillón do Castro e o cruzamento coa EP-0018 en Santa María de Xeve.
Con motivo da carreira a pé, entre as 10.30 e as 21.30 horas estarán pechadas ao tráfico Benito Corbal, Daniel de la Sota, Peregrina, Soportais, Curros Enríquez e Sarmiento. Entre as 12.00 e as 21.30 horas os cortes serán en Cobián Roffignac, Padre Amoedo, Cruz Vermella, Santa Clara, Padre Fernando Olmedo, Padre Gaite, Perfecto Feijoo, Rouco e Alvaro Cunqueiro.
A Policía Local de Pontevedra lembra que mover, modificar ou retirar un valado que sinalice unha entrada prohibida é unha acción sancionada con 3.000 euros.
Ademais, chama a atención sobre o feito de que o Campionato de España de Tríatlon de longa distancia é unha carreira puntuable para o mundial, polo que se alcanzan grandes velocidades, especialmente en bicicleta. Isto implica que calquera vehículo no interior do percorrido pode causar graves accidentes.