A primeira xornada de celebracións de peñas desta fin de semana, a deste sábado 13, encheu a cidade de Pontevedra de miles de mozos, deixou a última hora do día unha inxente cantidade de lixo, pero non provocou case ningún incidente reseñable en canto á seguridade cidadá.
Un balance provisional da Policía Local e do Servizo Galego de Saúde fala dun total de oito persoas atendidas por intoxicación etílica e de que non foi necesario intervir por pelexas ou altercados nin durante o día nin durante as horas da noite nas que se prolongou a celebración.
A Policía Local non tivo ningún aviso por incidentes e a ambulancia de Cruz Vermella contratada polo Concello de Pontevedra para estar de servizo no centro da cidade durante as festas tan só atendeu este sábado a tres persoas ata as tres da madrugada. Delas, unha presentaba unha intoxicación etílica por exceso de consumo de alcol e as outras dúas presentaban pequenos cortes ou contusións, pero ningunha froito de pelexas.
Fontes do Servizo Galego de Saúde confirman que a noite tamén foi "tranquilísima" no centro de saúde da Parda e con menores incidencias que en anos anteriores no Hospital Montecelo.
En Montecelo a actividade empezou a partir das cinco da madrugada e, entre as persoas atendidas por incidentes relacionados coas celebracións de peñas, figuran sete intoxicacións etílicas. Todas elas foron leves e a última hora da mañá recibiran a alta hospitalaria.
Na Parda, os responsables médicos felicitan aos peñistas polo seu bo comportamento neste sábado de festas, pois non recibiron a ningunha persoa que sufrise ningún contratempo nos festexos. Tan só atenderon e derivaron a Montecelo a unha persoa cunha fractura nasal, pero cuxa ferida non ten ningunha vinculación coas peñas.