Mogor acollerá as probas de selección de socorristas e patróns de embarcacións para a tempada estival

Marín
17 de xuño 2020

Este servizo que se presta nos areais require da realización dunha selección previa, consistente nunha serie de probas que terán que superar os aspirantes a acadar estes postos

Probas de selección de socorristas en Sanxenxo
Probas de selección de socorristas en Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

O Concello de Marín realizará o venres pola mañá na praia de Mogor as probas para a selección dos socorristas que velarán pola seguridade nas praias durante os meses de verán.

Segundo informou a concelleira de Turismo, Cristina Acuña, está prevista a contratación de 21 socorristas, de 3 patróns para embarcacións de rescate e 1 coordinador de grupo.

No caso dos socorristas, o primeiro exercicio da proba de selección consistirá nunha proba de nado libre de 250 metros e outra de desprazamento terrestre de 150 metros en terra, e que terá unha puntuación máxima de 4 puntos. O segundo exercicio será unha proba teórica obrigatoria e eliminatoria, consistente nun exame tipo test, con 20 preguntas relativas aos temarios que se poden consultar nas bases da convocatoria.

Dos seleccionados pola Oficina de Emprego de Pontevedra que se presenten ás probas, serán contratados 21 e 3 patróns de embarcacións, que terán un prazo máximo de 3 días hábiles para presentar a documentación acreditativa, que tamén pode ser consultada de xeito detallado nas bases.

No que respecta ao coordinador, os aspirantes terán que realizar unha primeira proba teórica obrigatoria e eliminatoria, que consistirá na resolución por escrito dun cuestionario tipo test, de corenta preguntas relativas aos temarios indicados nas bases, e que contará cunha cualificación de 0 a 5 puntos.

O segundo exercicio consistirá nunha proba psicotécnica obrigatoria que non será eliminatoria e que consiste nun test de personalidade e nunha entrevista persoal, co obxecto de avaliar as cualidades, competencias e capacidades das persoas aspirantes para o correcto desempeño das funcións de coordinador.

A persoa que sexa seleccionada terá un prazo de 2 días hábiles para presentar toda a documentación relativa á formalización do contrato.