Modificar o PXOU para regular a ubicación de crematorios non precisa avaliación ambiental estratéxica

Pontevedra
23 de xullo 2013

A decisión da Xunta baséase no feito de que o cambio proposto non conleva variacións na clasificación de solo, nin na intensidade dos usos urbanísticos de zonas concretas, non altera os sistemas xerais e pretende dotar ao municipio dunha normativa urbanística propia que evite a implantación indiscriminada destas instalacións funerarias en zonas urbanas

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, informou ao Concello de Pontevedra que a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU) promovida pola institución municipal para regular a implantación de crematorios no municipio, non precisa someterse aos trámites de avaliación ambiental estratéxica de plans e programas.

En maio deste ano, o Concello de Pontevedra comunicou, ao departamento que dirixe Agustín Hernández, o inicio da tramitación da modificación puntual do PXOU, achegándolle a documentación precisa á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, co fin de que decidise se dita modificación puntual tiña que ser avaliada ambientalmente, ou non.

Así, Medio Ambiente someteu o documento inicial a consultas durante 20 días naturais, unhas consultas que foron efectuadas ás administracións afectadas e, ademais, se fixeron extensivas ao público en xeral, co fin de garantir a máxima transparencia no proceso.

REGULACIÿN NECESARIA

A citada modificación puntual do PXOU de Pontevedra ven motivada pola proliferación de solicitudes formuladas ante o Concello para a instalación de crematorios en zonas residenciais de solo urbano e solo de núcleo rural e as súas proximidades, e ten por obxecto suplir a inexistencia no PXOM dunha regulación sobre as condicións de implantación destas instalacións funerarias.

A decisión da Xunta baséase no feito de que o cambio proposto do PXOU non conleva variacións na clasificación de solo, nin na intensidade dos usos urbanísticos de zonas concretas, non altera os sistemas xerais e ten por obxecto dotar ao Concello dunha normativa urbanística propia que evite a implantación indiscriminada destas instalacións funerarias en zonas urbanas, delimitando onde poderán ser autorizadas no futuro mediante as oportunas licencias municipais.

A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, organismo que estudou a proposta pontevedresa, conclúe que non se espera que a modificación puntual do PXOU produza efectos ambientais significativos de carácter estratéxico.

Non obstante, esta decisión se condiciona a que se cumpra a ampla normativa sanitaria e de limitación de emisións contaminantes aplicable a este tipo de instalacións, así como a que a súa implantación concreta sexa sometida, como procede, aos trámites de avaliación de incidencia ambiental, que son os máis axeitados para establecer medidas correctoras concretas con respecto a proxectos específicos e verificar que non se provoquen repercusións negativas sobre o ambiente e a saúde pública.

A decisión do órgano ambiental non supón unha aprobación expresa nin tácita da modificación puntual do PXOU, nin prexulga como se deberá desenvolver no futuro a competencia urbanística municipal ou autonómica no momento de establecer as concretas determinacións que se incorporarán ao plan xeral, máis aló de recordar, como se indicou, a necesidade de cumprir a normativa ambiental aplicable nos proxectos de futuras instalacións.