O Concello de Vilagarcía de Arousa advirte que, debido ao risco de derrubamento do edificio do vello asilo situado na avenida de Rosalía de Castro, fronte á praza da Constitución, o tráfico na zona sufrirá modificacións durante os próximos tres ou catro días.
As obras de consolidación do inmoble, de finais do século XIX, comezaron nas últimas horas, co obxectivo de evitar posibles colapsos estruturais.
Para garantir a seguridade, o tráfico pesado, incluíndo camións e autobuses, será desviado polo vial do porto.
Ademais, segundo o goberno local,a zona de aparcamento para motos e a franxa de cuadrícula amarela no acceso á rúa Rey Daviña serán utilizadas como carril de circulación en sentido O Carril-Vilagarcía.
Os dous primeiros aparcamentos da avenida, dende a praza da Constitución, tamén quedan anulados temporalmente.
Aínda que a circulación en ámbolos sentidos está garantida, o Concello solicita prudencia tanto a condutores como a peóns, xa que o valado afecta parcialmente ao paso de peóns que conecta coa praza da Constitución e a rúa Rey Daviña.
O asilo, tamén coñecido como asilo-hospitaliño, foi construído en 1892 por iniciativa de Luisa Vila Janer, viúva de José Bargés, antigo alcalde da vila, e tía de Francisco Ravella, quen tamén foi rexedor.
O proxecto foi obra de Manuel Pereiro Caeiro, responsable doutros edificios emblemáticos como o Salón García e a praza de Peixería.
En 1898, o asilo foi cedido ao cura-párroco e ao alcalde, establecendo a base dopadroado que continúa rexendo esta institución.