O goberno local do Concello de Soutomaior ten previsto aprobar unha modificación de crédito de máis de 500.000 euros no vindeiro pleno ordinario de setembro.
Esta medida ten como obxectivo principal o desenvolvemento de diversas actuacións e obras no que resta deste 2024.
Entre os proxectos que se financiarán con esta modificación destacan os asfaltados na contorna do campo de Salgueirón e nos barrios de Lourido e Moreira; ademais dunha actuación no salón de actos do CEIP Manuel Padín Truiteiro.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, asegura que actualmente o goberno local está a levar a cabo importantes obras por todo o concello, entre as que figuran a ampliación doaparcadoiro principal da Avenida Xosé Solla, pasando de 15 a 60 prazas, a humanización da Praza da Aldea.e o arranxo da estrada de acceso ao barrio de Cortellas.
En total, a intención municipal é mobilizar arredor dun millón de euros en investimentos para a mellora de diferentes infraestruturas e espazos do concello.
SUBA DO CANON DE SOGAMA
Parte desta modificación de crédito tamén se destinará a facer fronte á suba do canon de Sogama, anunciada o pasado mes de xullo.
O alcalde Lourenzo criticou este incremento, cualificándoo como unha "suba de impostos da Xunta" que afectará directamente os veciños de Soutomaior.
Segundo as estimacións do goberno local, esta suba do canon de Sogama, xunto cos custos asociados ao novo contrato de recollida de residuos, podería chegar a triplicar o recibo do lixo para a veciñanza.
O alcalde lamentou que a normativa estatal impida aplicar bonificacións no recibo do lixo, o que implica que o incremento repercutirá "de maneira directa e completa" nos petos dos residentes.