O Concello de Poio reparará a cuberta e colocará xanelas no pavillón polideportivo do CEIP de Lourido.
O concelleiro de Deportes, Tucho Muíños, explicou que o Goberno local acaba de trasladar este mércores á Comisión de Facenda a súa proposta para facer unha modificación de crédito e destinar 12.910 euros para levar a cabo esta actuación.
A idea é mellorar a cuberta para solucionar os problemas de filtrado de auga e evitar riscos de caída dalgunha das chapas. Para iso, substituirase toda a parafusería existente e limparanse as bases e as chapas. Ademais, colocaranse catro xanelas. Actualmente a construción non conta con ningunha o que produce grandes problemas de condensación e de ventilación.
Tucho Muíños defende que con este investimento melloraranse notablemente as condicións da práctica deportiva en Lourido, tanto para competición e adestramento dos clubs, como para o alumnado do colexio.
"Temos por diante un reto grande para dar resposta a tantos anos de mala xestión en materia de infraestruturas deportivas, pero aos poucos iremos solucionando as necesidades máis urxentes", dixo o concelleiro popular.