O modelo urbano dá o salto a América Latina, cun recoñecemento en Costa Rica

Pontevedra
04 de abril 2025
Actualizado: 10 de abril

César Mosquera e Eva Vilaverde recollerán o premio 'Eusebio Leal Spengler La ciudad es la gente' no IV Congreso Internacional de Paisaje Urbano Memorial Ferran Ferrer Viana na cidade de San José

Viandantes por unha rúa de Pontevedra
Viandantes por unha rúa de Pontevedra / Mónica Patxot

O modelo urbano de Pontevedra suma un novo país á súa lista de recoñecementos. Nesta ocasión, recibirá un premio en Costa Rica. 

Trátase do galardón 'Eusebio Leal Spengler La ciudad es la gente', que recollerán nos vindeiros días o concelleiro de Mobilidade, César Mosquera, e a tenente de alcalde, Eva Vilaverde.

Trátase do primeiro galardón deste tipo que chega desde América Latina, sumándose á listaxe dos distintos premios internacionais que Pontevedra e o seu modelo urbano foi recollendo durante os últimos anos, con convites chegados desde Asia, Europa ou os Estados Unidos.

Mosquera compareceu este venres para dar conta da viaxe institucional a Costa Rica para participar no IV Congreso Internacional de Paisaje Urbano Memorial Ferran Ferrer Viana que se celebra na cidade de San José.

Os dous concelleiros chegarán a Costa Rica o sábado e, a partir desa xornada, terán unha axenda "bastante intensa".

O luns teñen prevista unha recepción na embaixada española de Costa Rica e logo as autoridades locais e os organizadores do congreso daranlles a benvida. 

O congreso comezará o martes e durará toda a semana. A primeira cita importante de Pontevedra será o mércores ás 07.15 horas. Mosquera e Vilaverde entrarán en directo no principal programa de radio do país, para xusto despois participar como poñentes na sesión central do congreso.

O premio van recollelo o xoves. Mosquera destacou que o seu nome, 'Eusebio Leal Spengler La ciudad es la gente' resulta "moi acaído para a nosa vila e a súa veciñanza". Eva Vilaverde será a encargada de recollelo.

Mosquera será el o encargado de realizar o relatorio da sesión central, na que tamén participarán representantes doutras cidades do mundo, como Sao Paulo ou Río de Janeiro.