Dúas deseñadoras formadas na Escola de Deseño e Moda de Galicia (Esdemga) de Pontevedra foron as protagonistas no desfile do Allianz Ego, a plataforma para novos talentos da Mercedes-Benz Fashion Week Madrid. Foron Candela Nóvoa e Patricia Chamadoira.
Ambas formaron parte dun desfile no que participaron oito coleccións seleccionadas entre candidaturas chegadas de toda España.
Os proxectos destas dúas deseñadoras compartiron pasarela con 404 Studio, Goodption, Karont, Montenegro, Morle e Puzlle, deseñadores que optaron ao premio que en cada edición recoñece á mellor colección do Ego e que nesta ocasión foi para 404 Studio.
Baixo o nome de Delanovoa, a ourensana Candela Nóvoa estreou en Ego a colección Cool people visit Benidorm, na que conflúen elementos como estampados florais e de raias, carteis de postos de socorro, imáns para a neveira ou camisetas de souvenir.
Inspirada na idea do turismo de sol e praia e no boom turístico de Benidorm décadas atrás, a deseñadora presentou un traballo inspirado "no imaxinario das vacacións de verán.
Pola súa banda, Patricia Chamadoira, catalá afincada en Galicia, apostou por Solsticio, unha colección que fai referencia aos rituais pagáns vinculados ao solsticio de verán e que consistiu en darlle unha segunda vida aos materiais que se atopaban á súa disposición.
Así, nesa idea de reciclar materiais antigos, a deseñadora empregou vellas sabas ou mantas, obxectos "aos que quizais no pasado se lles daba maior valor", para dar forma a unha colección unisex orientada a modelos masculinos.
A directora da Esdemga, Lola Dopico, acompañou ás dúas estudantes na pasarela madrileña e destacou que "durante os moitos anos que leva funcionando o Ego, en case todas as edicións houbo sempre un ou varios estudantes de Esdemga, o que para nós é un orgullo".