Piden o traslado da unidade de hospitalización psiquiátrica do Provincial ao novo Montecelo

Pontevedra
15 de outubro 2024

Os socialistas amosan a súa preocupación polo posible incumprimento do plan orixinal e a discriminación entre diferentes servizos, que a xerencia ten previsto manter no Hospital Provincial

Piden o traslado da unidade de hospitalización psiquiátrica do Provincial ao novo Montecelo
Piden o traslado da unidade de hospitalización psiquiátrica do Provincial ao novo Montecelo / - Grupo municipal socialista

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Pontevedra vén de presentar unha moción para o vindeiro pleno municipal, na que solicita á Xunta de Galicia o cumprimento íntegro do Plan Funcional do Gran Montecelo, aprobado en xuño de 2017.

A iniciativa, encabezada polo portavoz socialista Iván Puentes, xorde tras as recentes declaracións de José Flores, xerente da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, quen suxeriu que varios servizos actualmente prestados no Hospital Provincial permanecerán neste centro tras a finalización das obras do Gran Montecelo.

Flores indicara que o servizo de Oncoloxía trasladará as consultas pero a planta de hospitalización manterase no Provincial; Medicina interna só migrará unha porcentaxe das camas reservadas para ingresos; mentres que Urxencias pediátricas, pediatría, obstetricia, xinecoloxía e neuroloxía pasarán dende o inicio ao novo Montecelo.

Pola contra, os departamentos de Psiquiatría, coidados paliativos e cirurxía ambulatoria permanecerán integramente no Provincial.

Os socialistas amosan a súa preocupación polo posible incumprimento do plan orixinal e a discriminación entre diferentes unidades e servizos.

En particular, destacan a importancia de trasladar a unidade de hospitalización psiquiátrica (agudos) ao novo Montecelo de xeito prioritario, tal e como establece a Lei Xeral de Sanidade.

A moción propón catro puntos principais:

  • Cumprir integramente o Plan Funcional do Gran Montecelo.

  • Trasladar prioritariamente a unidade de hospitalización psiquiátrica ao novo hospital.

  • Garantir o uso sanitario ou sociosanitario do Hospital Provincial tras o traslado completo.

  • Buscar alternativas para a construción da residencia universitaria, suxerindo a compra do antigo asilo de Loureiro Crespo.

O PSOE local defende así que o Hospital Provincial debería manterse como centro sociosanitario.

Entenden que este edificio debe centrarse en servizos ambulatorios e de hospital de día, incluíndo urxencias extrahospitalarias, saúde mental comunitaria e outros servizos necesarios para unha atención sanitaria de calidade.