O Pleno ordinario de Poio convocado el pasado xoves 26 de agosto aprobou unha moción conxunta de todos os grupos da Corporación municipal encamiñada a intentar evitar que Campelo quede sen oficina bancaria.
Deste xeito, o Concello de Poio reafirma o seu compromiso á hora de tratar de impedir o traslado da oficina de Abanca en Campelo a Combarro, unha medida que a entidade privada pretende aplicar a partir de setembro e que deixaría ao principal núcleo da parroquia de San Xoán sen servizo presencial e tan só cun caixeiro automático.
Entre os puntos que constan no documento consensuado destaca a cancelación de contas e retirada de fondos municipais de Abanca, unha medida que tamén se propón que efectúe o tecido asociativo e a veciñanza en xeral, a modo de presión. Ademais, impulsaranse mobilizacións de protesta e campañas informativas entre a cidadanía.
Precisamente, na tarde deste venres convocouse no Centro Sociocultural de Campelo un encontro con representantes de diferentes agrupacións da parroquia de San Xoán, para transmitirlles os pormenores da moción e informarlles de que será o vindeiro xoves, 2 de setembro, cando os dirixentes municipais manteñan unha reunión coa dirección territorial de Abanca. Neste encontro, o Goberno local dará traslado das súas peticións e do malestar provocado pola decisión da entidade financeira.
Os portavoces dos grupos da Corporación (BNG, PSOE, Avante Poio e PP) coincidiron á hora de resaltar a necesidade de "amosarse firmes" no seu rexeitamento do traslado, xa que, do contrario, a situación podería repetirse no futuro noutros puntos do municipio.
Neste sentido, o Goberno local advirte que nos últimos anos Abanca xa levou a cabo o peche de dúas sucursais, na Seara e Raxó. Neste último caso, sen deixar habilitado un caixeiro automático, demanda que tamén se lle trasladará aos dirixentes da entidade na reunión da vindeira semana.
Dende o Concello infórmase de que na actualidade Poio conta só con catro sucursais, a pesar de ser un municipio que supera os 17.000 habitantes e que é un referente turístico a nivel nacional.
Entre as medidas propostas na moción tamén se inclúe establecer contactos con outras sucursais e acudir á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para que impulse unha reunión conxunta dos concellos afectados, así como instar ao presidente da Xunta de Galicia a que dea conta do resultado económico e do custo social que supuxo a liquidación do sistema de caixas públicas de Galicia.