"O futuro será feminista ou non será". Así concluía en manifesto lido na Praza da Peregrina, que quedou moi pequena ante a multitudinaria concentración feminista celebrada este xoves 8 de marzo.
A cor morada entoaba esta mobilización que tivo un ton reivindicativo e festivo, onde se corearon consignas como: "Ante la violencia ni un paso atrás", "Non son mortas, son asasinadas", "Queremos empregos, traballos xa temos", "Contra o patriarcado, revolta feminista" ou "Igual traballo, igual salario".
A afluencia á concentración superou o aforamento da praza estendéndose ás rúas contiguas, maioritariamente con mulleres, pero tamén con algúns homes aínda que só elas estaban chamadas a seguir esta folga laboral, estudantil, de consumo e de coidados.
"Sigamos a loita e fagamos que todos os días sexan 8 de marzo", engadía o manifesto, co que os asistentes reclamaron "plena igualdade" de dereitos e condicións de vida entre homes e mulleres. "Querémonos libres, querémonos vivas, feministas, combativas e rebeldes", sinalaron.
Así, reclamaron o cambio dun modelo que perpetúa os desequilibrios salariais e sociais, acabando co sistema patriarcal e coa discriminación, o acoso e a violencia que sofren a diario por culpa de condutas machistas arraigadas na nosa sociedade.
A concentración foi convocada polo sindicato CIG, que destacou que con esta folga as mulleres galegas están a demostrar a súa capacidade para situar a Galicia no centro dunha xornada "histórica e revolucionaria", que marca un "punto de inflexión" na conmemoración do 8 de marzo.
O Colectivo Feminista de Pontevedra, que convocara unha concentración no mesmo lugar, expresou a súa "tristeza" pola presenza das siglas dun sindicato nunha convocatoria "que debería ser do feminismo sen apelidos".
O acto desenvolveuse sen incidentes e con pouca presenza policial.