Mobilización en Campelo o 3 de setembro contra o peche da sucursal de Abanca

Poio
30 de agosto 2021

O Concello alerta do "gravísimo prexuízo para miles de veciños e veciñas da parroquia de San Xoán e de todo o municipio" e por iso é polo que fai un chamamento para acudir á convocatoria, prevista para as 20.30 horas nas proximidades da oficina bancaria

Oficina de Abanca en Campelo
Oficina de Abanca en Campelo

O peche da sucursal de Abanca situada na rúa Pedro Soto de Campelo, que a entidade pretende facer efectivo o próximo mércores 8 de setembro, levará á poboación de Poio a saír á rúa en sinal de protesta. O Concello acaba de convocar unha mobilización para o venres 3 de setembro. 

Esta concentración é resultado da reunión que o pasado venres mantiveron os e as portavoces dos grupos da Corporación municipal con representantes de colectivos da parroquia de San Xoán no Local Social de Campelo.

O Concello alerta do "gravísimo prexuízo para miles de veciños e veciñas da parroquia de San Xoán e de todo o municipio" e por iso é polo que fai un chamamento para acudir á convocatoria, prevista para as 20.30 horas nas proximidades da oficina bancaria.

Esta manifestación producirase un día despois de que o equipo de goberno manteña unha reunión con responsables territoriais de Abanca, fixada para o xoves 2 de setembro.

A mobilización quedará desconvocada unicamente no caso de que os dirixentes da entidade confirmen o mantemento de todas as oficinas existentes actualmente no municipio. Ademais, tamén se lle reclamará a dotación dun caixeiro automático na parroquia de Raxó.

En caso de que non se produzan novidades, o Concello vai iniciar os trámites para a cancelación de contas e retirada de fondos que a administración municipal dispón en Abanca. Ademais, o Concello impulsa unha campaña informativa para animar tanto aos colectivos como á cidadanía en xeral a sumarse a esta iniciativa, ao considerar que pode resultar unha medida moi efectiva á hora de deixar patente á entidade bancaria as consecuencias negativas, en términos económicos, que lles provocará o peche da oficina.

Desde o momento no que Abanca trasladou a súa intención de pechar esta sucursal, deixando unicamente operativo un caixeiro automático en Campelo, o Concello de Poio amosou a súa firme oposición a unha medida que resultará especialmente prexudicial para as persoas maiores e para a poboación que non poida desprazarse ata outras localidades para recibir atención presencial.