O miradoiro da Peixeira empeza a ser unha realidade e as obras encaran unha nova etapa

Sanxenxo
10 de novembro 2024

A próxima semana comezará a construción de plataformas, enlazadas mediante ramplas accesibles e escaleiras, que conectarán de forma directa a Praza de San Roque e a avenida de Pontevedra

Obras para o futuro miradoiro da Peixeira
Obras para o futuro miradoiro da Peixeira / Concello de Sanxenxo

A obra do miradoiro da Peixeira e a mellora de conexión co campo de San Roque, en Sanxenxo, xa deixa ver cambios significativos na zona e un avance cara ao seu obxectivo final: recuperar a fachada marítima do emblemático miradoiro portonovés da Peixeira e humanizar a conexión co campo de San Roque.

Segundo a información facilitada polo Concello, avanza coas cimentacións xa executadas, de tal forma que a próxima semana xa poderá encarar unha nova fase.

Así, comezará a construción de plataformas, enlazadas mediante ramplas accesibles e escaleiras, que conectarán de forma directa a Praza de San Roque e a avenida de Pontevedra. Desta forma, as vivendas e a parte alta do núcleo antigo de Portonovo veranse beneficiadas por unha accesibilidade universal e inclusiva.

A actuación suporá un cambio significativo no espazo, que abarca unha superficie total de 3.100 metros, e está incluída no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030).

A Deputación achegará o 80% do custo total, que ascende a 942.892,50 euros e o Concello asumirá o 20% restante.

A intención desta obra é que a praza e a fronte marítima reconecten coa súa orixe á vez que o protagonismo será para o peón.

O tráfico rodado quedará relegado a un segundo plano mediante estratexias de acougado de tráfico, colocando badenes na entrada e saída da zona. No viario da avenida de Pontevedra, o único con acceso rodado, limítase o paso do vehículo a un carril dunha soa dirección.

Todos os materiais demolidos están a tratarse para que poidan ser reutilizados para distintos elementos do mobiliario e a iluminación actual substitúese por unha con proxección máis baixa, máis contida, totalmente integrada nos muros e varandas.