A escalinata da Subdelegación do Goberno en Pontevedra foi o escenario da concentración en condena polo crime machista de Moaña.
O subdelegado en Pontevedra, Abel Losada, presidía o acto, que tamén serviu para trasladar o apoio do Goberno a todas as mulleres que sofren violencia de xénero.
Participou tamén o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, membros do goberno e da Corporación Municipal de Pontevedra, traballadores da Subdelegación, entre outros, a xefa da Unidade de violencia contra a Muller, María José Rodríguez, e a secretaria xeral da Subdelegación, María Isabel Alonso de Linaje.
Tamén asistiron integrantes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e das Forzas Armadas, entre eles o tenente coronel da Garda Civil de Pontevedra, Óscar Grañas, e o comisario provincial do Corpo Nacional de Policía, Juan José Díaz.
O subdelegado do Goberno, Abel Losada, lembraba que se cumprían 15 meses sen que se rexistrase un asasinato machista na provincia e insistía que "sería desexable que esta fose a última concentración".
Sobre a nacionalidade da vítima, Fadoua Akkar, muller marroquí de 41 anos, engadía unhas palabras para a reflexión "no momento en que a inmigración é utilizada de maneira absolutamente espúrea", apuntaba, "eu creo que como sociedade teriamos que reflexionar que tería pasado se o asesino fose un ciudadano marroquí con antecedentes por violencia de xénero e a muller asesinada fose unha ciudadana española", sinalaba o subdelegado do Goberno.
Neste sentido, achegaba que o Goberno central foxe dese tipo de discusións, que prevalecen entre certas forzas políticas e en ámbitos da sociedade, para poñer o acento en "tentar evitar entre todos que as mulleres sexan asesinadas por cuestión de xénero" e non usar a igualdade como unha ferramenta política contra ninguén.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, presente nesta concentración, admitía abatido que "temos que recoñecer que hai un certo fracaso, porque segue incrementándose o número de vítimas".
Dado que a vítima residía na parroquia pontevedresa de Salcedo, o rexedor aclaraba que o Concello púxose en contacto coa familia, en concreto cunha sobriña, que foi o contacto que se lles facilitou, para ofrecer toda a axuda que necesitasen dende o punto de vista administrativo das competencias municipais, pero que, de momento, non solicitaron ningunha asistencia.
Confirmou o alcalde que o fillo menor de idade da vítima foi acollido pola súa familia en Vilaboa, municipio que rexistra unha ampla presenza da comunidade marroquí.
O subdelegado tamén anotou que, aínda que non tiña datos sobre en que punto estaban as xestións para a repatriación do cadáver, si lle constaba unha colaboración da propia colonia marroquí á espera de saber as necesidades e a propia demanda da familia que teña o Marrocos.
En paralelo a esta concentración, á mesma hora, as 12 do mediodía, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presidía na entrada do Pazo Provincial un minuto de silencio con membros do goberno provincial convocado polo organismo tamén en sinal de rexeitamento polo crime acontecido esta fin de semana en Moaña.
CRIME DE MOAÑA
A Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero cualificaba nas últimas horas como crime machista a morte de Fadoua Akkar. O suceso ocorreu na madrugada do pasado sábado, en Domaio-Moaña (Pontevedra). A muller era veciña da parroquia pontevedresa de Salcedo, onde residía co seu fillo menor de idade. O presunto agresor, con quen a falecida mantiña unha relación, foi detido na mesma noite do sábado e ingresou en prisión.
Con Fadoua, son 37 as mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas no que vai de ano en España, tres delas en Galicia. Dende que hai estatísticas, son 70 as mulleres mortas en Galicia pola violencia machista, e 20 nenos e nenas orfos por esta causa.
RECURSOS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA
O Ministerio de Igualdade, a través da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, ten a disposición o teléfono 016, as consultas en liña a través do email 016-online@igualdad.gob.es, a canle do WhatsApp no número 600 000 016 e o chat en liña, accesible desde a páxina web https://violenciagenero.igualdad.gob.es/ Estes servizos funcionan as 24 horas, todos os días da semana.
No 016 pódese pedir asesoramento sobre os recursos dispoñibles e os dereitos das vítimas de violencia de xénero, así como asesoramento xurídico de 8 h a 22 h todos os días da semana, con atención en 53 idiomas e un servizo adaptado a posibles situacións de discapacidade.
Nunha emerxencia pódese chamar ao 112 ou aos teléfonos de emerxencias da Policía Nacional (091) e da Garda Civil (062). No caso de que non sexa posible realizar unha chamada, pódese utilizar a aplicación ALERTCOPS, desde a que se enviará un sinal de alerta á policía con xeolocalización. Estes medios de asistencia poden ser activados pola vítima e tamén por calquera persoa que coñeza ou sospeite dun caso de violencia de xénero.