Representantes dos tres partidos da corporación municipal (PP, BNG e PSOE) concentráronse diante do Concello este mércores para trasladar o seu pesar polo crime machista da Coruña no que un home de 76 anos asasinou a súa esposa de 74 estrangulándoa ata causarlle a asfixia.
Ademais, tras o acto ao que se sumaron viandantes e funcionarios municipais, a alcaldesa accidental Eva Vilaverde demandou solucións para abordar esta lacra social.
"O machismo mata e iso obríganos a estar unha vez máis aquí", apuntou Vilaverde para indicar que este escenario "merece unha reflexión moi profunda e sosegada pero tamén urxente e real sobre o que está acontecendo durante estes anos".
A continuación, sinalou que "non podemos mirar para outro lado. Temos que afrontalo con mecanismos, recursos e máis cartos e solucións".
A alcaldesa accidental recoñeceu que este problema social "non se soluciona con minutos de silencio, o cal non significa que non teñamos que estar aquí, pero a solución son máis recursos, mecanismos e solucións a unha sangría que non se pode soportar máis".
O caso da Coruña provocou a segunda vítima de violencia machista en Galicia durante este 2024.