A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Ponte Caldelas criticaron as declaracións do secretario de Medio Ambiente, Hugo Morán, que adviertiu á Xunta que o informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil non só é unha recomendación, senón que forma parte dun aval técnico para desenvolver medidas que solucionen o presente e futuro de acceso á auga de núcleos de poboación con problemas de subministro.
Desde a Consellería expresaron a súa sorpresa porque o Ministerio "se desentenda de ofrecer unha explicación ante a petición feita polo Goberno galego de que se informe, detalladamente, aos municipios afectados, dada a incerteza e a preocupación social que espertou o resultado dese estudo", afirma nun comunicado o departamento da conselleira Ethel Vázquez.
A Xunta solicitou ao Ministerio unha reunión con todos os alcaldes afectados e tamén coa Xunta de Galicia para que se explicase, con total transparencia e profesionalidade, o contido do estudo de alternativas que capitaneou a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, dependente do Goberno de España.
"Lamentamos a falta de interese por parte do Ministerio para explicarlle aos concellos e á cidadanía o resultado dese estudo", di o comunicado da Consellería. "Ao igual que temos que lamentar que o Ministerio non concrete se vai declarar o abastecemento a Vigo como de interese xeral do Estado, como ten demandado a Xunta, nin tampouco fale dos pasos que vai dar para comezar a traballar, canto antes, para garantir o abastecemento de auga a Vigo e ao sur da provincia de Pontevedra, porque cómpre que inicie xa a tramitación ambiental para avaliar a viabilidade das medidas propostas".
En canto ao bombeo do Verdugo ao Oitavén, "a Xunta discrepa de que sexa realmente unha solución efectiva", tendo en conta que "esa solución non achegaría o volume de auga suficiente en época de escaseza, cando ambos os dous ríos quedan reducidos ao caudal ecolóxico".
Polo tanto, conclúe a Xunta que "non parece que sexa a opción máis eficaz de cara a garantir o abastecemento de Vigo e da súa área de influencia, como así queda acreditado no propio estudo de alternativas, que recolle que non existe garantía de subministro".
Pola súa banda, o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, considera que sae de novo á luz "a verdadeira realidade e a principal idea" que tiñan Xunta de Galicia, Concello de Vigo e Goberno do Estado, que é "facer un trasvase dende o Verdugo".
"Primeiro propuxeron barbaridades ambientais como os encoros para que agora o trasvase pareza un mal menor. Quixeron facer unha cortina de fume, agora ben, Ponte Caldelas non vai permitir que se faga ningún trasvase, porque o Río Verdugo apenas leva auga en anos de seca e non se podería manter o seu caudal ecolóxico", di o alcalde socialista.
Para Andrés Díaz "o alcalde de Vigo, o secretario de Estado de Medio Ambiente e Augas de Galicia, que é quen ten a última palabra nesta cuestión, só pensan en Vigo e nos concellos do sur da provincia sen ter en conta ás xentes de Ponte Caldelas, ás de Soutomaior e ás de toda a ensenada de San Simón, que viven tamén da auga que levan os ríos Verdugo e Oitavén", indica Díaz.
"Podemos entender o problema que teñen os concellos do sur da provincia, agora ben, se o estudo tivese en conta o problema de falta de agua que ten Ponte Caldelas xa non plantexaría o trasvase porque agravaría un problema que xa existe", indica Díaz.
O alcalde considera que as tres administración "fáltannos ó respecto claramente" e sinala que Ponte Caldelas volve de novo á situación xa vivida en 2017, cando o trasvase do Verdugo era a única opción que se barallaba para darlle solución á sequía dos concellos do sur da provincia de Pontevedra.