Minicroquetas de atún claro Pescamar

Pontevedra
26 de novembro 2022

Unha receita ideal como aperitivo ou primeiro prato e coa que aproveitaremos todos os beneficios do atún claro, un peixe azul de sabor suave e con alto contido en Omega-3

Minicroquetas
Minicroquetas /

Chegamos a unha nova entrega de "A cociña  gourmet en conserva" cunha receita para toda a familia: as croquetas. Nesta ocasión, Conservas Pescamar proponnos unha elaboración con atún claro, unha especie moi valorada dentro da familia dos túnidos.

O atún é un peixe con múltiples propiedades. Destaca a súa achega en proteínas de gran valor biolóxico e o seu alto contido en Omega-3. A estas importantes calidades, hai que engadir os beneficios da súa presentación en aceite de oliva, que ademais contribúe a potenciar o seu sabor.

Para preparar unhas deliciosas Minicroquetas de atún claro Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes (para 4 persoas):

- 3 latas de Atún claro en aceite de oliva Pescamar

- 80 g de fariña

- 240 ml de leite

- 2 ovos

- 40 g de manteiga

- Pan relado

- Aceite de oliva virxe extra

- Sal

Preparación:

Poñemos un cazo no lume coa manteiga para que se derreta. Botamos a fariña e imos mesturando coa manteiga. Engadimos leite aos poucos mentres se vai formando a masa.

Esmigallamos as tres latas de Atún claro en aceite de oliva Pescamar, previamente escorridas. Engadimos á mestura e imos dando voltas.

Mentres, nun cazo con auga fervendo, faise un ovo durante 10 minutos ata que estea duro, déixase arrefriar, pélase e faise picado.

Engadimos á mestura o ovo picado e un pouco de sal. Se nos resulta difícil ligar ben os compoñentes, podemos usar o batedor a baixa velocidade.

Dispoñemos a masa sobre unha fonte e deixamos arrefriar.

Tomamos pequenas porcións da masa cunha culler e formamos a man as croquetas en forma de bólas. A continuación, pasámolas polo ovo batido e o pan relado.

Fritimos as croquetas en aceite abundante e ben quente ata que queden douradas.

En dúas semanas, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña  gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.